fbpx
Sobreira de 200 anos cortada en Tui / foto Asociación de Veciños Monte do Seo de Areas-Tui

Galicia perde nunha semana dúas árbores bicentenarias sanas  

Tempo de lectura: 2 min.

Dúas son as árbores bicentenarias, ou polo menos centenarias, perdidas ó longo da última semana en Galicia, trátase de dous exemplares de especies moi diferentes, por diferentes motivos e en diferentes localizacións, pero que correron a mesma sorte, ser cortadas de raíz. Por unha banda, tal e como informábamos onte, un foi o eucalipto do Tarreo, en Soutolongo, Lalín, a árbore máis grande da comarca do Deza, por outro, tal e como denunciaba a Asociación de Veciños Monte do Seo Areas-Tui, unha sobreira bicentenaria no Concello de Tui.

Toro do eucalipto / foto Daniel González Alén

A árbore máis grande da comarca do Deza

O eucalipto que tiña 8 metros de perímetro e 34 metros de altura era, sen dúbida, a árbore de maior tamaño da comarca, do que dan mostra as impresionantes imaxes que do seu toro se sacaron. A árbore que se atopaba ó pé da PO-534 foi cortada o pasado venres por seguridade para o tráfico, pois no mes de setembro o desprendemento dunha póla de gran tamaño causou danos materiais a un vehículo.

Para moitos unha poda tería sido suficiente para solucionar o problema. Para algúns, polo seu porte, a árbore podía ser bicentenaria, mais o probable é que fora plantada fai exactamente un século, cando un indiano trouxo os primeiros eucaliptos ó Deza. A árbore, maior que outras que quintuplican a súa idade na comarca, non estaba incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Unha sobreira bicentenaria en Tui

Tampouco o estaba a sobreira tallada a pasada semana en Tui. Trátase neste caso dunha árbore autóctona de Galicia, da familia dos carballos, que estaría situada nunha finca privada do barrio chamado, precisamente, do Carballo, na parroquia tudense de Areas.

A sobreira que tería sido plantada vai máis de 200 anos situábase nunha zona de paso no interior dunha finca propiedade particular. Segundo a Asociación de Veciños Monte do Seo Areas-Tui, presumiblemente foi o propio propietario o que decidiu cortar a sobreira, pois ninguén na zona reclamou que a árbore puidese causar molestia algunha.

Nada volverá a ser coma antes”, manifestaban dende a Asociación de Veciños nas súas redes sociais. “Non entendemos como se poden cortar árbores sen control e como se poden permitir estas cortas. Agora, xa é tarde, nada lle devolverá a vida”.

Sobreira de 200 anos cortada en Tui / foto Asociación de Veciños Monte do Seo de Areas-Tui

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: