fbpx
Proxecto para a intervención no Carme de Lugo / foto Concello de Lugo

Lugo recuperará o Camiño Primitivo e a Vía XIX do barrio do Carme cunha intervención minimamente invasiva

Tempo de lectura: 3 min.

Un dos lugares maior relevancia histórica e paisaxística da cidade pero tamén dos historicamente máis maltratados e esquecidos. O Barrio do Carme de Lugo comeza  súa transformación coa recuperación do Camiño Primitivo e da Vía XIX, cunha intervención nesta vía, nas sendas de Regueiro das Hortas, Rúa do Carme e Rúa Vicedo.

Trátase dunha actuación moi pouco invasiva encamiñada á recuperación de camiños, muros e elementos singulares así como a instalación de varandas, de mobiliario urbano e dun sistema de iluminación mediante balizas, respectuoso coa contorna. Quérese con esta intervención a mellora e humanización deste espazo, así como aumentar a seguridade dos peregrinos e usuarios que atravesan este lugar.

Os traballos, que foron presentados o pasado , contan cun orzamento de 204.248 euros e un prazo de execución de dous meses. O proxecto enmárcanse dentro da estratexia DUSI Muramiñae, co-financiada polo Concello ó 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea ó 80%.

Inicio das obras de humanización do Carme de Lugo / foto Concello de Lugo

Unha intervención respectuosa coa contorna

 A intervención será minimamente invasiva e especialmente sensible ós condicionantes arquitectónicos da contorna, que se atopa situada no ámbito do Plan Especial de Reforma Interior (PERI-6) do Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal. Por isto o seu desenvolvemento farase conforme ás disposicións que marca a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

A intervención incluirá, ademais da recuperación dos camiños, unha serie de melloras na seguridade dalgúns puntos concretos do trazado mediante a dotación de alumeado público, a sinalización do percorrido e a recuperación dos pavimentos e doutros elementos singulares.

Así, a adecuación tratará de manter a integridade das vías, coa conservación das características propias de cada tramo en canto a elementos tradicionais, tanto construídos como naturais. A intervención estará encamiñada sobre todo a obras de baixa intensidade como a rexeneración e nivelado do firme para lograr unha maior seguridade.

Proxecto para a intervención no Carme de Lugo / foto Concello de Lugo

Coidado dos detalles, nova iluminación e sinalización

Terase coidado dos pequenos detalles. Instalaranse varandas de madeira a xeito de protección en diferentes localizacións, recolocaranse os bloques pétreos que foron movidos na intersección do Camiño Primitivo con Rolda do Carme e  revestiranse as escaleiras que comunican esta última coa Vía XIX cun material anti-escorregadizo.

Igualmente instalarase iluminación, pouco invasiva, naquelas sendas que carezan dela. Posibilitarase así o tránsito seguro en momentos de ausencia de luz natural, adaptándose o sistema ás necesidades estéticas da contorna e sempre acatando a normativa vixente e outras limitacións derivadas da posible aparición de restos arqueolóxicos.

Tamén se incluirá unha nova sinalización. Debido a que en moitas zonas do trazado existen eivas de neste aspecto e as indicacións actuais se atopan desfasadas, procederase a colocar, entre outros elementos, tres paneis informativos, unha mesa interpretativa de granito e catro fitos pétreos sobre a Vía XIX, en consonancia con outros xa existentes na cidade. Estes disporán ademais, dunha placa en braille, en prol dunha maior inclusión.

Capela do Carme de Lugo / foto HombreDHojalata CCBy Wikimedia

 Unha das zonas protexidas e de maior riqueza natural e patrimonial da cidade

“Hoxe é un día de gran satisfacción para todos os e as lucenses, pois esta actuación supón o inicio da transformación do Carme, unha zona de alto valor histórico, patrimonial e cultural, na que conflúen varias áreas protexidas como son a Muralla e a Ponte Romana”, declaraba a alcaldesa Lara Méndez.

“A través do DUSI xa levamos a cabo a mellora da calidade ambiental deste barrio, coa eliminación da contaminación acuática, a degradación paisaxística e os malos olores” declaraba a rexedora. “Agora damos un paso máis, cunha actuación que suporá un antes e un despois para unha das zonas protexidas e de maior riqueza natural da nosa cidade”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...