fbpx
Casa natal de Carballo Calero / foto Lameiro CCBy Wikimedia

A casa de Carvalho Calero deixará de ser unha ruína

Tempo de lectura: 4 min.

A casa do histórico escritor e filólogo Ricardo Carvalho Calero deixará por fin de ser unha ruína. Pois o Concello de Ferrol presentou o pasado venres as liñas mestras que rexerán a recuperación do inmoble, así como catro edificacións máis anexos a este. O anteproxecto da actuación foi presentado na mañá do venres polo concelleiro de Urbanismo, Julián Reina.

O proxecto elaborado polo Concello e con recursos propios constitúe o paso previo para a contratación do proxecto de execución, así como facer realidade unha demanda social con xa moitos anos de agarda. A rehabilitación da Casa de Carvalho Calero é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 na Edusi “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Presentación do anteproxecto / foto Concello de Ferrol

Unha rehabilitación de ata cinco inmobles

Neste caso o ámbito de actuación definido no anteproxecto comprende cinco inmobles de propiedade municipal. Trátase dos números 45, 47, 49 e 51 da rúa San Francisco e o número 14 da praza Vella. Entre todos suman unha superficie construída de 1.163 metros cadrados, sendo o que ocupaba a casa de Carvalho Calero, o de San Francisco n. 51, o máis grande con 528 metros cadrados.

Nas obras recuperaranse aspectos identificables da vivenda, como fachadas con galerías, cuberta e muros medianeiros. Para isto traballouse “en base ao arquivo fotográfico” do que dispón o Concello, como explicou Reina, pois no caso dos muros, están desaparecidos nun 80 %. Deste xeito será necesario reconstruílos para conservar a estrutura das parcelas dunha forma recoñecible e recuperar a individualidade das edificacións que había.

A idea, segundo o concelleiro, é que o proxecto consiga unha diferenciación entre os edificios, de acordo coa normativa, pero que acade tamén certa unidade. Por ese motivo, farase indispensable a distinción clara entre elementos novos e elementos recuperados, co fin de recoñecer a historia dos diferentes edificios.

Casa natal de Carvalho Calero / foto Lameiro CCBy Wikimedia

Un gran complexo cultural con usos aínda por definir

Destes 1.163 metros cadrados que se comporá a obra unha parte será “por suposto, a Casa Museo de Carvalho Calero, a que marca a propia esencia da rehabilitación”, tal e como detallaba o edil. “Temos a intención de que estes inmobles se convertan nun complexo cultural e de servizos, e entre as posibilidades que hai enriba da mesa figuran unha zona de usos múltiples ou un espazo de co-working”.

Mais non se descartan outras funcións. Pois, tal e como precisou, polo de agora aínda non está pechada a definición exacta de todos os usos, e non se descarta o traslado dalgún servizo municipal ó inmoble. O obxectivo sería, neste caso, servir de “polo de atracción” para Ferrol Vello devolvéndolle, no posible, vida ó histórico barrio.

Por outra banda estímase que o custo da obra poida situarse lixeiramente por enriba dos 1,2 millóns de euros máis IVE, case 1,5 millóns de euros en total. A día de hoxe, segundo avanzou Julián Reina, o departamento de Urbanismo traballa na redacción dos pregos do proxecto definitivo, tratando de axilizar prazos para licitar as obras canto antes. “En calquera caso, o horizonte temporal que nos marcamos para a obra é dentro do prazo que temos para executar a EDUSI, que é o ano 2023”.

Anteproxecto para a recuperación da casa de Ricardo Carballo Calero / foto GCDiario

Unha importante peza para a recuperación de Ferrol Vello

E é que casa na que o 30 de outubro de 1910 nacía Carvalho Calero atópase no barrio de Ferrol Vello. Deste xeito a demandada recuperación deste inmoble, e dos seus contiguos, suporá tamén a recuperación dunha peza fundamental para recuperar un dos barrios históricos máis degradados de Galicia. Segundo Reina, a intención do goberno municipal é que a Edusi “deixe unha pegada completa en Ferrol Vello”, da man das actuacións que se levan a cabo a través do plan Rexurbe.

É precisamente dentro dese plan dende o que se está a traballar, como xa contamos no noso medio, na recuperación de diferentes rúas e edificacións do barrio. Unha delas é precisamente a reurbanización da rúa de San Francisco, onde se atopa a casa de Carvalho Calero. Para Reina, “é necesaria unha aposta clara por evitar que os espazos se vaian degradando”, como lle ocorreu durante os últimos anos a esa área en concreto.

 

Pode que che interese...