fbpx
MIna galaico-romana secundaria do Monte Medo

Novos tesouros mineiros galaico-romanos: descubertas tres grandes minas entre Maceda e Montederramo

Tempo de lectura: 2 min.

No concurso da investigación da minaría galaico-romana na bacia de Maceda e serra de San Mamede levada a cabo polos xeólogos Oscar Pazos e Eduardo Glez. Clavijo, foron identificadas tres grandes novas minas galaico-romanas: Cova Tioira, A Murriosa e Foxo entre os concellos de Maceda e Montederramo. Ao lado destas minas localizouse tamén a mámoa do Monte do Coto, que xunto coa Cova Tioira era un dos fitos que sinalaba os lindes do mosteiro de Monterroso na documentación do século XII.

Estas tres minas atopáronse seguindo a pista da coñecida e espectacular mina do Partido, no concello de Montederramo, sumando así ao regueiro de laborías que se estenden por estes montes e o salto do Rodicio e que sinalan a extensión dos xacementos primarios que nutriron as mineralizacións dos sedimentos que enchen a bacia de Maceda, onde se atopa a mina galaico-romana en secundario máis estensa de Galicia: a gran explotación do monte Medo, con 450 hectáreas de laborías.

Corta dunha mina galaico romana atopada entre Maceda e Montederramo, moi preto da explotación do monte Medo / Óscar Pazos

As tres minas descubertas se sitúan na cabeceira da bacia do río Tioira,entre os concellos de Maceda e Montederramo, en rochas de idade ordovícica e preto do granito que conforma o curuto da serra, nun emprazamento por tanto xeolóxicamente favorable ás mineralizacións de ouro malia que o minado está aínda por confirmar. As tres minas atópanse nunha distancia en liña recta de 1,5 km, que se converten en 3 km polos camiños de hoxe.

TIPOLOXÍA

A mina sur ten forma de paralelepípedo duns douscentos por setenta metros e uns dez metros de fondo. A segunda mina espállase por cincocentos metros con largos de corenta a noventa metros e cavadas tamén supericiais, e a terceira cava dende un pequeno val contra ladeira, formando un gran anfiteatro de sesenta por cen metros, con cortas que poden chegar aos quince metros de altitude. Outras laborías menores se atopan na contorna destas tres. Polo momento, toda a minaría semella a ceo aberto, sen indicios de traballos subterráneos, galerías ou pozos. Os refugallos cobren os fondos destas minas e aparecen ciscados polas ladeiras arredor delas.

Mina do Partido, no concello de Montederramo / Óscar Pazos

Nas vindeiras semanas continuarán as exploracións na zona coa investigación dun par de indicios de novas laborías por aínda por confirmar. Con estas poderán darse por completado o catálogo de explotacións galaico-romanas da bisbarra, que abrangue unhas trinta minas en primario e secundario, formando todas elas unha das comarcas mineiras galaico-romanas máis sobresaíntes e mellor conservadas do país.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: