fbpx
Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

O estudo encargado dos deseños de Subidá, Alobre e Toiriz defende o seu traballo nun comunicado

Tempo de lectura: 5 min.

Nun comunicado dirixido ó noso medio, AGi Arquitectos, a empresa encargada do deseño arquitectónico e paisaxístico nos castros de Subidá, Alobre e Toiriz, faise eco da polémica suscitadas nas últimas semanas nas redes sociais. No escrito a empresa defende a profesionalidade do seu traballo, o recoñecemento internacional e ter atendido sempre ós requirimentos do contrato, así como respectar os diferentes puntos de vista.

E é que nos últimos días Historia de Galicia recolleu a polémica suscitada nas propias redes da empresa tras a publicación dun post sobre as obras. Tal e como reflectimos, a publicación orixinaba un enorme número de críticas por partes dos usuarios, con máis dun cento de comentarios e sendo compartida, tamén, máis dun cento de veces, nalgúns casos en páxinas especializadas.

É por este motivo que a empresa dirixiuse ó noso medio para defender o seu traballo. “Defendemos a acción correcta que desenvolvemos, atendendo sempre ós requisitos do contrato, que mereciamos despois de gañar o concurso público convocado en 2016 polo entón Ministerio de Fomento, ó que concorreron 26 propostas”. “Como xa indicaban os pregos de condicións, era un proxecto arquitectónico, de posta en valor e musealización, en ningún caso de intervención arqueolóxica”, afirman dende o estudo.

Un proxecto recoñecido no fallo do xurado e con varios premios

Igualmente, dende AGi Arquitectos afírmase que o proxecto “cumpre e cumpriu en todo momento coa lexislación e todas as especificacións estipuladas no contrato”. E máis, “segundo a acta da decisión do xurado do concurso, o noso proxecto foi considerado unha ‘proposta respectuosa cos edificios existentes e que, a través dunha visión completa do contexto, proporciona calidade paisaxística e amabilidade á visita aos castros’”.

No fallo continúase dicindo que “a combinación das capas: son, iluminación, vexetación, camiño e chan xera unha experiencia integral do espazo que fará a visita memorable sen competir cos elementos arqueolóxicos. O sistema de atrezzo proposto é altamente versátil, constituíndo un soporte museístico moi axeitado”.

Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

Igualmente dende o estudo defenden que “esta sensibilidade tamén foi entendida deste xeito por varias organizacións internacionais que recoñeceron o proxecto”, polo que lembran os premios obtidos polo proxecto.

“Tal é o caso dos Premios LafargeHolcim Europe 2017, que lle outorgaron unha Mención Especial polo seu enfoque sostible, ou o Premio Europeo de Intervención en Patrimonio Arquitectónico AADIPA 2019 no que foi finalista na categoría de Planificación. Ademais, organizacións como a fundación suíza Global Infrastructure Basel Foundation interesáronse polo proxecto”, lembran.

Respecto ós diferentes puntos de vista

Porén, aínda que defenden o seu bo facer a hora de plantexar a intervención, si que entenden as opinións suscitadas polo proxecto. “En AGi architects respectamos os diferentes puntos de vista do proxecto que levamos a cabo nos castros de Toiriz, Alobre e Subidá, que forman parte da musealización e posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra”.

Dende o estudo engaden que “entendemos que é un proxecto o suficientemente complexo como para espertar opinións contraditorias, xa que a intervención en lugares históricos e xacementos arqueolóxicos sempre é susceptible de xerar controversia. A nosa intención foi sempre valorar a preexistencia, con accións reversibles e unha linguaxe diferente á dos restos existentes, para que se identifique claramente a proposta museística de cada sitio”.

Obras no castro de Alobre en Vilagarcía / foto Ministerio de Fomento

Un estudo de arquitectura internacional

No comunicado, lembran ademais a natureza española e internacional do estudo. “AGi architects é un estudo de arquitectura español, con sede en Madrid, dende onde dirixe e leva a cabo proxectos de diferentes tipos en todo o país -Andalucía, Cantabria, Madrid e Galicia- e noutros países da nosa contorna europea”. Lembran que deste xeito o estudo conta “coa capacidade necesaria para transferir o seu equipo e colaboradores cando sexa necesario”.

Tamén, que dentro desta proxección internacional, tal e como recollemos no noso anterior artigo, teñen representación en Asia. Pois “do mesmo xeito, como tantos outros estudos de arquitectura españois, temos unha importante proxección internacional, cunha oficina, neste caso, en Oriente Medio, concretamente en Kuwait, dende onde abrangue diversos proxectos na rexión”. Tal e como recollemos no seu día, pódese coñecer máis da proxección do estudo e da propia obra e os seus premios na páxina web do propio estudo.

 

Comunicado:

Declaración de arquitectos AGi ante a información publicada por Historia de Galicia baixo o título “Avalancha de críticas ó estudo de arquitectura con sede en Madrid e Kuwait que deseñou as intervencións nos castros de Subidá, Alobre e Toiriz”

AGi architects é un estudo de arquitectura español, con sede en Madrid, desde onde dirixe e leva a cabo proxectos de diferentes tipos en todo o país -Andalucía, Cantabria, Madrid e Galicia- e noutros países da nosa contorna europea, coa capacidade necesaria para transferir o seu equipo e colaboradores cando sexa necesario. Do mesmo xeito, como tantos outros estudos de arquitectura españois, ten unha importante proxección internacional, cunha oficina, neste caso, en Oriente Medio, concretamente en Kuwait, desde onde abrangue diversos proxectos na rexión.

En AGi architects respectamos os diferentes puntos de vista do proxecto que levamos a cabo nos castros de Toiriz, Alobre e Subidá, que forman parte da musealización e posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra, pero no do mesmo xeito defendemos a acción correcta que desenvolvemos, atendendo sempre aos requisitos do contrato, que mereciamos despois de gañar o concurso público convocado en 2016 polo entón Ministerio de Fomento, ao que concorreron 26 propostas. Como xa indicaban os pregos de condicións, era un proxecto arquitectónico, de posta en valor e musealización, en ningún caso de intervención arqueolóxica.

Segundo a acta da decisión do xurado do concurso, o noso proxecto foi considerado unha “proposta respectuosa cos edificios existentes e que, a través dunha visión completa do contexto, proporciona calidade paisaxística e amabilidade á visita aos castros. A combinación das capas: son, iluminación, vexetación, camiño e chan xera unha experiencia integral do espazo que fará a visita memorable sen competir cos elementos arqueolóxicos. O sistema de atrezzo proposto é altamente versátil, constituíndo un soporte museístico moi axeitado ”.

Esta sensibilidade tamén foi entendida deste xeito por varias organizacións internacionais que recoñeceron o proxecto. Tal é o caso dos Premios LafargeHolcim Europe 2017, que lle outorgaron unha Mención Especial polo seu enfoque sostible, ou o Premio Europeo de Intervención en Patrimonio Arquitectónico AADIPA 2019 no que foi finalista na categoría de Planificación. Ademais, organizacións como a fundación suíza Global Infrastructure Basel Foundation interesáronse polo proxecto.

Reiteramos, polo tanto, que o proxecto realizado nos castros de Toiriz, Subidá e Alobre cumpre e cumpriu en todo momento coa lexislación e todas as especificacións estipuladas no contrato. Entendemos que é un proxecto o suficientemente complexo como para espertar opinións contraditorias, xa que a intervención en lugares históricos e xacementos arqueolóxicos sempre é susceptible de xerar controversia. A nosa intención foi sempre poñer en valor a preexistencia, con accións reversibles e unha linguaxe diferente á dos restos existentes, para que se identifique claramente a proposta museística de cada sitio.

Inauguración do castro de Subidá / foto Concello de Marín

 

 

Pode que che interese...