fbpx
Santa Clara de Pontevedra / foto turismo.xunta.gal

A merca dun dos grandes conventos de Pontevedra faise inminente

Tempo de lectura: 2 min.

Unha compra “para conservar o patrinomio” e co fin de evitar a degradación e a perda dun ben patrimonial de gran importancia situado no centro urbano. Así definía Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico de Pontevedra, os últimos pasos da negociación para a compra por parte do Concello do convento de Santa Clara da cidade.

O concelleiro anunciou o pasado día 27 que as negociacións“están moi avanzadas” e que sigue habendo “bo entendemento entre todas as partes”. O concelleiro informou do estado da negociación a todos os grupos da corporación no marco da Comisión do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, na que tamén avanzou que a operación conta co visto bo e a autorización da Consellaría de Cultura da Xunta.

Santa Clara / foto visit-pontevedra.com

Unha negociación pendente de pequenas cuestións

Porén, Moreda explicou que todo o proceso estase a levar “con discreción”  e que “se seguirá levando con discreción” ata que a operación estea pechada, pero xa adiantou que “pola nosa parte non hai volta atrás”. Pero hai algunhas cuestións que aínda están a negociarse neste momento coa congregación, que abandonou o convento por falta de monxas o pasado ano.

Entre as cuestións que se están a negociar está o posible traslado dun pequeno cemiterio de monxas no xardín do cenobio ou o destino de elementos mobles protexidos como son os retablos. Neste último caso o concelleiro apuntou que as opcións son diversas, como por exemplo a venda ou a cesión en depósito. Tamén que algunhas destas opcións estarán obviamente suxeitas a autorización por parte da Consellaría de Cultura, como no caso de que fosen retirados do seu emprazamento orixinal.

Detalle dunha portada oxival en Santa Clara de Pontevedra / foto xunta.gal

Unha xoia patrimonial que precisa rehabilitación pero en moi boas condicións

Así, dende o Concello afírmase que a decisión de seguir adiante co proceso de compra foi firme tras a visita, o pasado mes de decembro, dun amplo equipo formado por persoal técnico municipal. O obxectivo da visita foi, en palabras de Xaquín Moreda “evitar sorpresas e descartar fallos de construción ou estruturais”. Os técnicos comprobaron que o edificio está en boas condicións, precisa rehabilitación pero que non presenta  nin problemas de humidades e nin nos muros de carga.

Así, por parte do Concello, como se afirma existe sintonía para a compra. Tras ele entraría en xogo unha nova fase na que se decidiría o destino do inmoble e outras posibilidades relativas á entrada doutras entidades no seu mantemento, sempre baixo obxectivo da súa conservación. Así este convento gótico, unha das xoias deste período na cidade, pasaría a formar parte do patrimonio público dun dos centros históricos máis mimados e mellor conservados de Galicia.

Pode que che interese...