fbpx
O castelo de San Antón na Coruña / foto cuv3 turismatcoruna.blogspot.com

O Castelo de Santo Antón estrea visita virtual 360 no Día Internacional dos Museos máis dixital

Tempo de lectura: 2 min.

Día Internacional dos Museos. Nesta conmemoración, que ano tras ano reivindica o papel destas institucións como salvagarda da cultura e da memoria, quíxose pór de relevo o papel destes centros como un dos principais motores da transición dixital da cultura galega.

Un futuro máis dixital

E é que este “2020 foi un ano coma ningún. A crise do Covid-19 estendeuse bruscamente por todo o mundo, afectando a todos os aspectos da nosa vida, levándonos a cuestionar o propio tecido das nosas sociedades”, apúntase dende o ICOM, a organización non gobernamental que coordina a acción dos museos ó longo de todo o mundo.

“O sector cultural está entre os máis afectados Non obstante, esta crise tamén serviu de catalizador para innovacións cruciais que xa estaban en marcha. En particular, un maior foco na dixitalización e na creación de novas formas de experiencia e difusión cultural”, afirman dende o organismo. “Este é un momento crucial para as nosas sociedades: os museos deben abrazar e liderar o cambio”.

Así, co tema “O futuro dos museos: recuperarse e reimaxinar”, o Día Internacional dos Museos 2021 invitou ós museos, ós seus profesionais e ás comunidades a crear, imaxinar e compartir novas prácticas de creación e co-creación de valor, novos modelos de negocio para institucións culturais e solucións innovadoras para os retos sociais, económicos e ambientais actuais.

Un gran desafío para os museos galegos

En Galicia o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, con motivo desta celebración, presidiu hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o acto institucional en conmemoración do Día Internacional dos Museos. Rodríguez salientou que a Xunta está a traballar na candidatura dos fondos Next Generation co obxectivo de acadar unha inxección extra de 10 millóns de euros para os vindeiros tres anos.

Con estes fondos quérese dar un máis que necesario pulo cara “museos máis innovadores, dixitais, sustentables e eficientes” á vez que asegurarán a súa preservación e desfrute pola cidadanía reforzando o seu papel no eido educativo e como dinamizadores económicos. Tamén salientou a importancia da Lei de Museos e o traballo cara a futura creación dun Consello de Centros Museísticos de Galicia.

Unha nova visita virtual para o Castelo de Santo Antón

Así, un ano máis os museos de todo o país lanzáronse a celebrar un día que neste 2021 tivo o foco posto na proxección dixital destas institucións. Dentro desta celebración destaca a estrea dun programa de visita virtual do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón na Coruña, que permitirá percorrer as instalacións dunha maneira directa e amena.

A aplicación permitirá descubrir os exteriores da antiga fortaleza a través dun percorrido virtual polas distintas dependencias do castelo e acceder ós interiores do Museo Arqueolóxico na planta baixa, así como á sección de Historia do primeiro andar da Casa do Gobernador. O percorrido irá acompañado duns puntos informativos que darán a coñecer o noso patrimonio mentres desfrutamos das vistas do castelo e da baía da cidade.

Pode que che interese...