fbpx
Representación de Os Quinquilláns nas Torres de Altamira / fotograma do vídeo de presentación

2021 recupera a agardada festa para conmemorar o 550 aniversario da Batalla de Altamira

Tempo de lectura: 3 min.

Os vindeiros 12 e 13 de xuño cúmprense exactamente 550 anos da Batalla de Altamira, unha das batallas máis importantes da nosa historia, que se librou para disputar o control feudal da Galicia baixomedieval.

É por isto que a Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Brión e Ames, organizará dúas xornadas de conmemoración que levarán ós mesmos escenarios dos acontecementos, actividades como roteiros, representacións teatrais e música nunha xornada de lecer e de recuperación da historia.

Trátase do programa “Altamira Brilla”, unha festa que estaba deseñada para o pasado ano e que tivo que ser cancelada pola pandemia. O adiamento supuxo tamén que a festa que conmemorará a Batalla de Altamira pasase a celebrarse neste ano en que se cumpren exactamente os 550 aniversario do acontecemento histórico.

Recreación teatral, concerto, roteiros e proxección de luz sobre a fachada

As conmemoracións comezarán o día 12 cun acto que terá lugar na Ponte Maceira (Ames) en que se presentarán as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira. Na sesiónintervirá o arquitecto Mario Crecente e as historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez, autoras do libro “A batalla de Altamira”.

Pola tarde dese mesmo día terán lugar os roteiros polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión para o que fará falta reserva previa.

O día da festa grande será o 13 de xuño cunha xornada que comezará a partir das 19.15, hora de saída dos autobuses que a Deputación da Coruña porá a dispor do público para se achegar ás Torres de Altamira ás que non se permitirá acceder con vehículos particulares. A recreación teatral por parte da compañía Os Quinquilláns da batalla de Altamira dará inicio ó programa do día.

A noite completarase coa concerto de Baiuca e que incluirá tamén proxeccións de luz e imaxes sobre o propio monumento. Os asistentes recibirán como agasallo o libro sobre a Batalla de Altamira. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización. Finalmente ó redor das 23 horas está previsto o regreso dos transportes até a carballeira de Santa Minia.

Unha festa para o futuro renacer das Torres

“Será a primeira festa histórica e ten vocación dun encontro participativo e colectivo”. Con estas palabras denominaba o responsábel de Patrimonio da Deputaciónda Coruña, Xosé Luís Penas, unha festa histórica con vocación de continuidade no futuro. “Queremos que esta festa sexa o inicio da conmemoración anual dun acontecemento histórico”, afirmaba.

“Queremos que sexa tamén a posta en valor dun monumento que forma parte do patrimonio da Deputación da Coruña. Queremos que sexa vivido e sentido como propio por toda a veciñanza da comarca e tamén polas persoas que queiran achegarse e participar neste encontro que quere recuperar a nosa memoria histórica”, sinalaba Penas.

Detalle da capela nas Torres de Altamira / foto turismo.gal

Ademais, o deputado apunta que o equipo técnico encargado está a “avanzar nos traballos previos para a elaboración do Plan Director do monumento”. Estase “investigando no propio territorio e deseñando propostas para o obxectivo que buscamos que é que as Torres de Altamira sexa un lugar de referencia patrimonial da Maía e da recuperación da historia galega“.

A batalla polo control do poder de Galicia

O día 13 de xuño de 1471, hai agora 550 anos, aconteceu a grande batalla que tivo lugar ó pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construído no século IX sobre o que foi un castro galaico, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como “canteira” para a construción. A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: