fbpx
Eucaliptización no castro da Croa de Montoxo, en Alfoz / Mariña Patirmonio

Acusan á Xunta de fomentar un novo atentado contra o patrimonio por permitir a eucaliptización dun castro

Tempo de lectura: 3 min.

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo (Alfoz – Lugo), durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos.

Ao visitaren o xacemento, ADEGA e Mariña Patrimonio comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos. Así mesmo, nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica.

Erros de xeolocalización

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, a intervención e os danos provocados no Castro de Montoxo constitúen un auténtico atentado contra o Patrimonio Cultural de Galiza, cuxa responsable directa podería ser a propia administración pública. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos. En concreto, o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico.

Pezas cerámicas e tellería atopada no castro da Croa de Montoxo, en Alfoz, tras unha plantación de eucaliptos / Mariña Patirmonio

“Malia a contar cun investimento público de 1.100.000 euros, a actualización e revisión do Catálogo incorpora numerosos erros de xeolocalización e delimitación dos xacementos inadmisíbeis que desprotexen unha importante parte do Patrimonio Cultural de Galicia e, por outra banda, protexen oficialmente parcelas que non son xacementos arqueolóxicos. Ademais, estarían creando un problema de inseguridade xurídica para os propietarios/as das parcelas, que oficialmente figuran como xacementos cando realmente non o son”, denuncian nun comunicado.

No caso do Castro de Montoxo, o erro na xeolocalización é especialmente grave porque, á parte de ser facilmente recoñecible polo seu dobre foxo e triplo parapeto, vese perfectamente nas imaxes LIDAR dos visores de ortofotografías da Xunta de Galicia. Ademais, trátase dun castro coñecido que aparece documentado xa no século XIX por Villa-Amil y Castro nos seus traballos “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia”. Así mesmo, na actualidade, autores como A. Canoura Quintana, Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón ou arqueólogos como Abel Vigo falan deste xacemento e dos achados que se teñen atopado nel nas súas publicacións.

Casualmente, no transcurso da visita que membros de Mariña Patrimonio e ADEGA fixeron ao Castro de Montoxo para comprobaren os danos producidos no xacemento, localizouse unha rocha na que foron labradas dúas “salas” de aproximadamente 4m de longo por 2m de ancho, coas esquinas redondeadas e cuns pequenos ocos na parede picada na pedra. Dáse a circunstancia de que esta edificación non estaba localizada, aínda que se sabía da súa existencia grazas ás publicacións de J. Villa-Amil y Castro, quen a denomina Petra Naufa.

Pode que che interese...