fbpx
Letreiro indicador de roteiros no concello de Vimianzo / foto Concello de Vimiazo

Queres coñecer camiñando o mellor patrimonio do corazón da Costa da Morte?

Tempo de lectura: 2 min.

O vieiro dos fidalgos, o patrimonio de Bamiro, Castrobuxán, os segredos do Val de Vimianzo, a Ruta do Mel ou os Penedos de Pasarela e Traba. Estes son os lugares, e o seu singular patrimonio, que se poderán coñecer camiñando ó longo deste verán no corazón mesmo da Costa da Morte e da comarca de Soneira.

E é que o Concello de Vimianzo acaba de lanzar un programa de andainas baixo o nome de Recunchos para dar a coñecer o seu patrimonio. O programa de camiñatas comezou este pasado sábado 26 de xuño nos Penedos de Pasarela e Traba e estenderase ata o vindeiro 11 de setembro de 2021.

Mesa informativa no concello de Vimianzo / foto Concello de Vimiazo

Todos as andainas son circulares, con saída e chegada no mesmo punto, polo que as persoas participantes deberán trasladarse ó inicio da andaina dende onde comezará o percorrido. Todos os roteiros serán en fin de semana. O Concello recomenda empregar botas de montaña ou calzado axeitado, roupa cómoda e adecuada ás condicións meteorolóxicas, paraugas ou sombreiro ou protección solar, mochila con comida e bebida e bastóns de sendeirismo.

No caso de participación de menores de idade, estes deben ir acompañados dun adulto e con autorización do pai, nai ou titor/a legal, e dende o Concello lembran que está prohibido deixar lixo nos espazos naturais. Para participar nas andainas poderase facer efectiva a inscrición no formulario web posto a disposición dende o Concello.

Roteiro polos Penedos de Pasarela e Traba / foto Concello de Vimianzo

O calendario, será o seguinte:

  • Penedos de Pasarela e Traba, 26 de xuño
  • Vieiro Fidalgo, o 10 de xullo
  • Bamiro: un paseo pola historia, o 17 de xullo
  • Vimianzo- Castrobuxán, o 14 de agosto
  • Os segredos do Val de Vimianzo, o 21 de agosto
  • Ruta do mel, o 11 de setembro

Éxito total na primeira andaina

O pasado sábado 26 daba comezo, cun éxito total de afluencia, a primeira andaina. Para ela cubríronse o total de prazas dispoñibles, permitindo ás persoas participantes coñecer máis de preto os penedos de Pasarela e Traba. Un conxunto de formacións rochosas únicas en Galicia. Esta primeira andaina contou como partiticipante da propia alcaldesa, Mónica Rodríguez, que quixo destacar “a relevancia de promocionar e poñer en valor os nosos espazos naturais”, incidindo tamén na importancia “da súa preservación a través da concienciación cidadá”.

Pode que che interese...