Como se fundían as machadas de bronce na Europa atlántica? Así se experimentou no pazo de Liñares
Como se facía na prehistoria para fundir os machados de bronce que hoxe atopamos nos castros? Esta é a incognita á que un grupo de investigadores de diferentes universidades trataron de dar resposta o pasado venres 11, dun xeito moi preciso, no pazo de Liñares de Lalín.
E é que ó longo dese día desenvolveuse no pazo a fase de experimentación do proxecto “Produción e deposición masiva de bronces chumbados na transición Bronce Final-Idade de Ferro da Europa atlántica“. Trátase dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, liderado por Xosé-Lois Armada, do INCIPIT, e no que están implicadas equipas do Museo Británico, da Universidade de Cambridge ou da Universidade de Coimbra.
En Liñares traballaron persoal do INCIPIT (Xosé-Lois Armada, Noemí Silva e María G. Faro) e do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo (Beatriz Comendador e Aaron Lackinger). Co desenvolvemento deste proxecto a Deputación de Pontevedra quere converter o pazo nun dos referentes da investigación arqueolóxica en Galicia.

Proceso de fundición de machadas no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra
Traballos de “enxeñería inversa” para descubrir os segredos da nosa prehistoria
A xornada estivo enfocada a resolver as incógnitas do proceso de produción dos machadas de talón prehistóricos. Trátase de machadas con altos contidos de chumbo, que aparecen nos depósitos do Noroeste Ibérico e dos que o Museo de Pontevedra acolle unha boa mostra. Para desentrañar e entender estes procesos os investigadores empregaron técnicas de “enxeñería inversa”.
Pois, malia ser moi frecuentes en Galicia e no norte de Portugal, o emprego de altos contidos de chumbo para producir machados de bronce, esta técnica formula numerosos interrogantes desde o punto de vista tecnolóxico e funcional. De feito, moitos destes machados preservan o cono de fundición e parece que nunca chegaron a empregarse como machados propiamente ditos.
Así, os investigadores estiveron fundindo metais, mantendo e variando os parámetros do proceso que seguiron tal e como se facía entre a Idade de Bronce Final e a de Ferro. O obxectivo foi elaborar diferentes réplicas e descubrir como se producían os metais e como se chegou ó produto final e que tecnoloxías empregaban na prehistoria.

Machadas fundidas na xornada no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra
Un lugar para desentrañar as técnicas dos galaicos
Tras a xornada de experimentación as investigadoras e investigadores adiantaron que a análise das réplicas que se acaban de producir esta semana en Liñares serán analizadas tamén no pazo, ademais de nas propias instalacións do INCIPIT. As pezas producidas analizaranse empregando aparellos e técnicas como microscopios ou aplicacións de raios X e cotexados cos restos arqueolóxicos.
Mais non é a única das iniciativas que se están a desenvolver no pazo para entender cales eran as técnicas que empregaban os galaicos. Pois a Deputación de Pontevedra e o CSIC, a través do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) teñen en marcha numerosas iniciativas conxuntas para descubrir estes procesos. Iniciativas que están enfocadas, ademais, a poñer en valor as instalacións do histórico pazo de Liñares.

Machadas fundidas na xornada no Pazo de Liñares / foto Deputación de Pontevedra
Así, a comezos de mes impulsaron o curso O ouro dos Castros e en maio outro de Aplicacións de Fluorescencia de Raios X en Arqueoloxía e Ciencias do Patrimonio nas dependencias do pazo lalinense. Con este acordo estanse a investigar tamén os contornos e interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda) e a desenvolvéronse conferencias dirixidas á comunidade escolar sobre os castros e os seus habitantes, as paisaxes do pasado ou arqueoloxía sen escavar a terra.
Ademais, están previstas xornadas de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do pazo de Liñares onde, ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se desenvolven, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados. Un proceso para converter o pazo nun verdadeiro laboratorio arqueolóxico de referencia.