fbpx
Montaxe dos dous elementos achados / fotos Colectivo A Rula

Descobren nunha igrexa de Brión unha lauda medieval e unha estela romana ignoradas ata hoxe

Tempo de lectura: 3 min.

Unha lauda medieval reutilizada como banco do exterior da igrexa e unha estela romana inserida nun dos muros do templo. Estes son os dous excepcionais achados que o colectivo a Rula acaba de atopar, no concello de Brión. Os achados foron descubertos nunha nova xeira do colectivo, un dos de maior actividade en Galicia neste momento.

Trataríase de dous achados nas terras historicamente vinculadas ó mosteiro de Touxosoutos, e moi preto tamén da parroquia de Luaña onde se conserva unha das maiores concentracións de cruceiros espallados nos antigos camiños e nas encrucilladas de Galicia. “Revisando de vagar o adro e o exterior da igrexa” o colectivo localizou “dous interesantes elementos procedentes de épocas pretéritas que nalgún momento foron reaproveitados”.

Igrexa de Comanda en Brión / foto Colectivo A Rula

Unha lauda altomedieval empregada como banco

“En fronte á entrada principal do templo chamounos a atención un improvisado banco feito polas freguesas. Voltearan a tampa dun antigo sartego medieval para acondicionar este asento de pedra que  apoiaron sobre dous pés”, relatan dende o colectivo.

É preciso axeonllarse para contemplar a parte inferior da tampa onde podemos ver, non sen dificultade, os detalles da dobre estola que decoraban esta antiga lauda sepulcral”. Trátase dunha peza monolítica que mide 240 cm de longo por 58 cm de ancho.

Lauda medieval como banco / foto Colectivo A Rula

É “un destes elementos propios da antiga Gallaecia de época altomedieval, prerrománicas,  coñecidas como de ‘estola’ ou ‘dobre estola’”. Estas formas “parecen representar os brazos e pernas dos orantes, delimitando as catro vertentes da tampa. Unha representación da figura humana bastante abstracta que estaría en posición frontal ou erguida coas pernas abertas e os brazos elevados”, afirman.

A figura completaríase de xeito habitual coa representación circular da cabeza nun dos extremos menores. Porén, neste caso, figura un relevo en forma de frecha entre os que serían os brazos da estola. Este tipo de representacións son abundantes nas Terras de Compostela e Sar, mais sería a primeira achada neste concello.

Fotogrametría da estola / foto Colectivo A Rula

Unha estela romana nos muros da igrexa

Unha estela romana aproveitada como aparello construtivo no exterior da ábsida do templo. Este podería considerarse o máis interesante dos dous achados. A estela “atoparíase a rentes do chan, en horizontal no centro da base da ábsida, e aínda que parcialmente soterrada conserva boa parte do seu tamaño orixinal”, sendo observable a simple vista.

Estela romana nos muros da igrexa / foto Colectivo A Rula

Trataríase dunha peza, tal e como relata o colectivo, duns 108 cm de longo e 31 cm de ancho. Unha peza moi sinxela cun rexistro epigráfico na que figuran as iniciais IOM  nunha primeira liña, e PF? nunha segunda. É dicir, o epíteto de “Iovi Optimo Máximo”, ou o que é o mesmo “Xupiter o mellor ou o máis grande”.

Trataríase do culto á principal deidade do panteón romano, Xúpiter, o pai dos deuses, equivalente co grego Zeus. Un culto ben testemuñado noutras inscricións epigráficas romanas localizadas en diferentes puntos da xeografía galega, moitas delas datadas no século II d.C. Tampouco é o único caso de pezas reutilizadas, pois, como lembra o colectivo, outras igrexas acollen estas pezas entre os seus muros, como en Herbogo en Rois ou Rubín na Estrada.

Estela romana / foto Colectivo A Rula


Para saber máis: Pode consultarse a entrada sobre o achado no blog do colectivo A Rula.