Así se facía arte na cultura tradicional coas paredes das propias casas
Aplicar unha ou dúas capas de revestimento, polo xeral morteiro de cal, sobre unha superficie como unha fachada. Despois retiraríanse as partes desexadas da capa máis superficial deixando ó descuberto zonas da capa inferior, provocando polo contraste entre as diferentes cores e textura, nunha imaxe decorativa especialmente singular
Esta é a técnica do esgrafiado, unha das técnicas de decoración tradicional máis importantes da cultura tradicional galega, que daba lugar a un resultado que chegaba á propia fachada e interior da casa: encher de arte as propias paredes das vivendas. Trátase dunha arte especialmente espallado na Galicia interior, no sur de Lugo, toda a provincia de Ourense e as comarcas interiores de Pontevedra como Tabeirós-Terra de Montes e Deza.
O esgrafiado, do italiano sgraffito é unha técnica empregada dende a antigüidade, empregada como método de decoración en culturas diversas, tanto en revestimento de muros como en cerámica, escultura ou pintura. Foi especialmente popular no Renacemento italiano, de onde pasaría á Península Ibérica. Ata onde se coñece, tería entrado en Galicia a través de Castela e Portugal.

Muralismo contemporáneo de Cestola na Cachola empregando a técnica do esgrafiado en Castro Caldelas / foto Eilavilas CC-BySA Wikimedia
Trátase de verdadeiras obras de arte e simbolismo ‘debuxadas’ nas parades. Un traballo ornamental que se usa na decoración dos muros e fachadas e no que se empregan motivos polo xeral de trazados curvos con diferentes desenvolvementos, moitos bastante máis complexos, con mesmo zoomorfos e algúns veradeiramente sorprendentes.
O libro no que nace o concepto de esgrafiado de estilo galego
O esgrafiado tradicional en Galicia é unha técnica ata o de agora moi pouco estudada, e na que ata a década de 1990 non se puxo o foco no seu verdadeiro valor. Porén é agora cando se están a desenvolver as primeiras investigacións profundas sobre o tema, tendo o seu principal referente na antropóloga Mar López Sotelo.
Así este ano 2021 supón un verdadeiro punto de inflexión para o coñecemento desta técnica. Pois o pasado día 12 de xullo presentábase o libro Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago, desta investigadora. Nel se recollen e analizan máis de 720 pezas da arte destas zonas de Galicia.

Portada do Libro / foto COA
Trátase dunha publicación que recolle anos de traballo sobre o tema. Conta co apoio do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, o instituto Campus Stellae e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). A publicación complétase cunha exposición temporal que se pode visitar dende o pasado luns no instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela.
Nel a investigadora tería constatado a existencia dun estilo propio característico do patrimonio rural galego, que evolucionou da arte inciso parietal cunha clara influencia románica. O Esgrafiado úsase na decoración para o lucido e revestimento de muros e fachadas, tanto no exterior como no interior dos edificios. Trátase dunha técnica moi antiga que non estaba catalogada ata agora na arquitectura galega.

Esgrafiados na Ribeira Sacra, Gondulfe (Taboada) / foto Eilavila CC-BySA Wikimedia