Primeira gran escavación no monte Cido, onde algúns sitúan o enigmático Monte Medulio
A Xunta de Galicia e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do grupo de investigación EST-AP do Instituto de Historia (IH) do Centro de Ciencias Humanas e Sociais (CCHS), colaborarán nunha escavación arqueolóxica no Castro Monte Cido, no Courel, que comezará o luns. Trátase da primeira vez que se realiza unha campaña neste espazo e o obxectivo é entender as formas de poboamento nas serras orientais galegas na transición da Idade de Ferro ao comezo da dominación romana.
O monte Cido non é un monte calquera. A gran fortaleza que acolle no seu interior e os importantes achados atopados nel (a táboa de hospitalidade do Courel e a aguia de Carbedo, entre outros) non pasaron desaparcibidos para arqueólogos, historiadores e investigadores. De feito, hai quen sitúa aquí o famoso Monte Medulio. De feito, no ano 2000 celebrouse un congreso sobre o chamado bronce de Bembibre, en León, no que se elaborou un mapa de proposta de restitución xeográfica, sinalando unha posible localización para o monte Medulio na área situada e os municipios do Courel e Pedrafita do Cebreiro.
Toponimia
Tamén a toponimia axudaría a esta explicación. Hai investigadores que din que podería vir do latín occidio , que significa matanza ou carnicería, que foi o que narraron cronistas como Lucio Anneo Floro e Paulo Orosio que tería acontecido no Monte Medulio, o último gran baluarte da resistencia galaica fronte aos romanos.

Paraxes do Monte Cido, na Serra do Courel 7 http://alianzagalega.blogspot.com
E o certo é que o astro de Cido é posiblemente un dos maiores e máis inaccesibles da serra. Atópase na parte superior dun macizo alargado dun tres quilómetros de lonxitude e esténdese ao longo duns 1.900 metros. Na vertente norte, unha forte escarpadura sérvelle como defensa natural. No lado este, o máis vulnerable, practicáronse tres fosos relativamente apartados entre si. Xunto ao primeiro dos fosos, cara á parte interior do castro, atópanse os cimentos dunha gran torre defensiva que posiblemente orixinou o topónimo de Torre Cabreira.
A actuación, financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xorde por iniciativa da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel e da Asociación Cultural San Xoán de Seoane do Courel e conta tamén coa implicación do Concello de Folgoso do Courel.
A primeira gran intervención arqueolóxica
“O castro Monte Cido nunca foi obxecto dunha escavación arqueolóxica, pero hai evidencias de que del procede a táboa de hospitalidade do Courel e a aguia de Carbedo, unha das principais testemuñas do paso das lexións de Roma polos montes orientais de Lugo”, explica Brais X. Currás, investigador do IH e director do proxecto de escavación. Para o desenvolvemento desta escavación cóntase coa codirección de Luís F. López González, da empresa Terra Arqueos S. L., autor dunha tese doutoral sobre o poboamento antigo nas montañas do Courel.
O obxectivo da intervención é comprender as formas de poboamento nas serras orientais galegas na transición da Idade de Ferro ao comezo da dominación romana, incorporando a explotación do ouro como vector determinante. Ademais, búscase indagar na súa cronoloxía, a súa función dentro do poboamento das montañas do Courel, a súa relación coa estrutura do territorio e a explotación do ouro e cal era o hábitat que albergaba.
Castelo do Carbedo
Preto do castro, atópase o castelo do Carbedo, nomeado polo Licenciado Molina no século XVI como a Fortaleza do Courel. As primeiras referencias son do século XII cando contan que pertenceu a Nuno Peláez e que foi cedido por leste á Orde de Santiago quen se ocupaban entre outras cousas de velar pola seguridade dos peregrinos que circulaban polo camiño que unía Samos co Bierzo, que pasaba aos pés deste castelo.