fbpx
Cruceiro da igrexa parroquial de Forcarei / Capitán Gosende

Canteiros… os grandes mestres da pedra en Galicia

Tempo de lectura: 11 min.

O mestre canteiro Xosé Ferreiro Martínez naceu en 1847 no lugar do Outeiro, pertencente á parroquia cerdedesa de Quireza. Faleceu o 7 de agosto de 1907 aos 60 anos de idade. Morreu de desgraza, ao lle caer enriba un carballo. Ferreiro pinchara o rebolo para empregar a madeira na talla dun santo que lle encargaran. As súas cinzas repousan no camposanto parroquial, nun dos panteóns oxivais da súa autoría.

Xosé Ferreiro casou con Manuela Álvarez, filla do Dios da Devesa, rico propietario. O matrimonio traerá ao mundo nove fillos: Francisco, Manuel Antonio, Esperanza, Antonio, Martiño, Manuel (xemelgo de Martiño), Dorinda, Divina e Xosé Ferreiro Álvarez. Manuel Antonio, Manuel, Dorinda e Xosé falecerán prematuramente. Sendo Xosé Ferreiro Martínez xenro de Dios, non é de estrañar que fose sublime santeiro. Desculpen a retranca.

Martiño Ferreiro Álvarez, de profesión construtor, foi concelleiro de Obras Públicas e tenente de alcalde do concello da Coruña (UR), e alcalde accidental cando a sublevación fascista de xullo de 1936. A súa irmá Divina (1897-1988) padeceu acoso e vexame por ocultarlles aos falanxistas e á Garda Civil o agocho de Martiño. O seu irmán Antonio (1889-1966?), que o axudou a fuxir a Portugal, foi acusado polos golpistas de “auxilio á rebelión” e confinado no campo de concentración da illa de San Simón. As súas irmás Esperanza e Divina adoito se desprazaron a Cesantes (Redondela) para levarlle de comer. Tras unha vida azarosa, Antonio Ferreiro deuse por morto en 1966. Martiño Ferreiro Álvarez (1892), que aínda combateu os nazis en solo francés, foi feito prisioneiro pola Wehrmacht en xuño de 1940 e finalmente trasladado ao campo de exterminio de Mauthausen-Gusen (Austria), onde morreu o 23 de novembro de 1941. Dous días despois, o seu cadáver foi incinerado nun forno crematorio daquelas instalacións.

Consonte a información facilitada por Esperanza Lema Bouzas (neta de Esperanza Ferreiro e bisneta do escultor) e por tradición familiar, Xosé Ferreiro Martínez foi artífice, entre outras obras, das seguintes: o cruceiro da igrexa parroquial de Cerdedo, o cruceiro da igrexa parroquial de Quireza (ou cruceiro das Procesións), os panteóns oxivais do cemiterio de Quireza, o cruceiro da igrexa parroquial de Forcarei, o cruceiro da igrexa mosteiral de Aciveiro (Forcarei), as torres da igrexa parroquial de Codeseda (A Estrada), un hórreo do lugar de Torreboredo (Souto-A Estrada), a cúpula da igrexa conventual de Conxo ou da capela do Cristo (Compostela), as reformas do castelo da Palma (Mugardos) e de San Filipe (Ferrol), a imaxe, en madeira, dun santo Antonio de Padua (O Outeiro-Quireza)…

Outros informantes engadiron: o cruceiro da igrexa parroquial de Sabucedo (A Estrada), o cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (Pedre-Cerdedo), o cruceiro de Carballás (Cerdedo) e un cruceiro en Millerada (Forcarei), quizais o de Hermosende.

Boa parte das devanditas referencias orais foron recollidas por Antonio Rodríguez Fraiz (Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez, 1982, páxs. 143-4). Malia trabucar o nome do seu artífice, o cura de Campañó non escatimou en gabanzas: Un dos millores mestres de canteiría de todos os tempos da Terra de Montes.

Cruz do cruceiro da igrexa parroquial de Aciveiro (Forcarei). Fotografía obtida na web cruceirosdegalicia.xyz

Cruceiro da Igrexa Parroquial de Cerdedo

O cruceiro da igrexa parroquial de Cerdedo. Labrado no ano 1900, situouse, de primeiras, nun lateral da actual praza de Fernando García Leiro, sendo trasladado en 1964 ao adro da igrexa parroquial de San Xoán, fronte á porta grande (uns 30 m). En 1964 leváronse a cabo as tarefas de remodelación da praza da igrexa de Cerdedo (tamén, praza da República; e dende 1972, praza de Fernando García Leiro). Dita remodelación supuxo a relocalización do cruceiro e a desaparición dun antigo palco da música.

O cruceiro de Cerdedo álzase sobre unha plataforma de catro chanzos octogonais. O pedestal, moldurado e con gola, e mais a parte inferior do varal manteñen o deseño octogonal. No pedestal lense as inscricións 1900 (ant.) e MCM (post.). No poliedro do varal (inf.) talláronse algúns instrumentos da Paixón: o martelo, a vara coa esponxa do vinagre, a lanza de Lonxinos, a escada e as tenaces. O máis do varal é cilíndrico con acanaladuras helicoidais. Capitel troncopiramidal invertido, adobiado con acantos, volutas e querubíns. Cruz de paus cilíndricos: no anverso, o Crucificado; no reverso, unha Virxe orante sobre peaña. A peaña decórase cun corazón atravesado por unha espada. A imaxe de Cristo afasta o lombo do madeiro, marca distintiva do mestre Ferreiro.

O cruceiro da igrexa parroquial de Quireza (ou das Procesións). Ergueito no ano 1902 no adro do Santo Tomé de Quireza (Cerdedo), o cruceiro dálle empezo a un viacrucis, conservándose en pé once das catorce estacións. Hai quen tamén lle atribúe a Xosé Ferreiro a feitura dalgunha outra das cruces do viacrucis.
O cruceiro álzase sobre unha plataforma de tres chanzos octogonais (un dos chanzos foi solapado polo empedrado, disposto en 2006). O pedestal, moldurado e con gola, e mais a parte inferior do varal manteñen o deseño octogonal. No pedestal, en placa de mármore branco, lese: “Este cruceiro se hizo … año de 1902, siendo cura Manuel Rivas Gamallo”/“1902”. No poliedro helicoidal do varal (inf.) talláronse tres instrumentos da Paixón: a lanza de Lonxinos, a vara coa esponxa do vinagre e a escada. O máis do varal é unha prodixiosa columna torsa. Capitel troncopiramidal invertido, adobiado con acantos, volutas e querubíns. Cruz de paus octogonais: no anverso, o Crucificado; no reverso e sobre peaña, unha Virxe orante. O capitel e a cruz son de cemento, idénticos na feitura e material de construción ao capitel e á cruz do cruceiro de Vichocuntín. Léase o artigo: “Esmoleiros e petos de ánimas de Cerdedo V” (Pontevedra Viva!, 15-8-2021).
Xosé Ferreiro labrou o fuste do cruceiro nunha soa peza. Para iso extraeu dun laxeiro do monte Caveiro ou da Conla (Chan das Queimas) un bloque de pedra que houbo ser transportado por tres xugadas de vacas. A baixada da entosta non estivo exenta de atrancos. Na primeira tentativa, o bloque acabou rachando; na segunda, un dos animais do tiro partiu unha pata e tivo que ser sacrificado.

Non hai dúbida de que para o esculpido do cruceiro de Quireza (1902) Ferreiro tomou como modelo o cruceiro de Cerdedo (1900). A plataforma en catro pasos do de Cerdedo compensa o fuste outo e lanzal do de Quireza.

Cómpre recalcar que a cruz e o capitel do cruceiro de Cerdedo son de pedra, mentres que os de Quireza son de cemento. Neste senso, Esperanza Lema, bisneta do mestre canteiro, sospeita que, cando menos, o capitel orixinal (de pedra) do cruceiro de Quireza foi substituído despois da guerra civil.

Cruceiro da igrexa parroquial de Forcarei

O cruceiro da igrexa parroquial de Forcarei. Data dos anos finais do século XIX. Até os anos oitenta do pasado século, ocupou o centro da praza da igrexa de San Martiño de Forcarei. Na actualidade, érguese no lateral leste, nun relanzo entre dúas ramplas escalonadas.

O cruceiro álzase encol dunha plataforma octogonal con beirado. O pedestal e cuadrangular de faces cambas. Catro telamóns infantís anícanse, flanqueando cadansúa aresta e sostendo cos ombreiros a cornixa, baseamento no que encaixa o fuste. O varal, de base cadrada, é, no máis, unha columna cilíndrica estriada que remata nun capitel troncopiramidal invertido, enfeitado con acantos, volutas e querubíns. A media columna, Xosé Ferreiro, nun alarde de afouta orixinalidade, tributo á erótica medieval, esculpiu a imaxe dunha muller que, peitos espidos, bambea sensualmente o seu corpo. Segundo a rumoroloxía, o escultor tallou esta figura en homenaxe a unha súa amante. Cruz de paus cilíndricos con nodosidades: no anverso, o Crucificado (lombo afastado do madeiro; un anxo recolle o seu sangue no graal); no reverso, unha Virxe orante (dúas cabezas anxelicais sérvenlle de peaña e outros dous cínguenlle a coroa).
O cruceiro foi obxecto dunha limpeza con auga a presión, operación que o degradou considerabelmente.

O cruceiro da igrexa mosteiral de Aciveiro. Cruceiro monumental. Datado en 1893. Sitúase a uns 45 m cara ao oeste da igrexa parroquial de Santa María de Aciveiro (Forcarei), no medio dunha parcela que, sostida por un valo de pedra, se ergue sobre o terreo circunstante.

O cruceiro álzase sobre unha plataforma cuadrangular de tres (ou catro) chanzos. O pedestal, cuadrangular moldurado con gola, sostén un fuste liso de tres seccións: cadrada (inf.), octogonal e cilíndrica (sup.). Na moldura sur lese a inscrición: “Este crucero se hizo siendo cura párroco D. Elías Ponte Rodríguez”. En novembro de 1892, Ponte Rodríguez foi nomeado cura de Aciveiro. Na sección octogonal do varal, Xosé Ferreiro engadiu sobre peaña, a figura da Verónica, despregando o seu veo co rostro de Cristo. Típico capitel ferreiriano: troncopiramidal invertido, ornado con acantos, volutas e querubíns. Cruz de paus cilíndricos con nodosidades: no anverso, o Crucificado sobre unha caveira de tibias cruzadas (lombo afastado do madeiro; un anxo recolle o seu sangue no graal; o chorro de sangue é un rizo de chumbo); no reverso, unha Dolorosa orante encol da cabeza dun anxo (unha espada de chumbo atravésalle o corazón; a xeito de dosel, dous anxos terman dun pano por riba da súa cabeza).

Na cara oeste do cruceiro, encaixado nos banzos da plataforma, érguese un pousadoiro de pedra. Tamén consonte a rumoroloxía, o escultor inspirouse nas faccións da súa amante para tallar o rostro da Verónica.

Igrexas e hórreos

As torres da igrexa parroquial de Codeseda. Por tradición familiar, a familia Ferreiro acredita que a fachada ou cando menos as torres sineiras da igrexa de San Xurxo de Codeseda (A Estrada) son da autoría de Xosé Ferreiro Martínez. A. Rodríguez Fraiz anota: é tamén obra do mestre o corpo e fachada da eirexa de Codeseda (páx. 144). Na portada do templo, por debaixo do frontón e por riba do reloxo, advírtese unha data gravada: “1900”, que, cecais, puido ser o ano no que se edificou a fachada e/ou o campanario. A solución da balaustrada lembra a propia da parroquial de Cerdedo (obra dos mestres canteiros Xosé Nieto e Manuel Varela (1779-81)). Pola contra, os bulbos dos chapiteis do San Xurxo rematan en finas agullas. Lembremos que, tamén no ano 1900, Ferreiro esculpiu o cruceiro da praza da igrexa de Cerdedo.

Un hórreo en Torreboredo (Souto-A Estrada). Ao parecer, o canastro, que en canto á lonxitude e modelo construtivo, segue a tipoloxía “Pontevedra”, presenta unha largura superior á común.

A cúpula da igrexa conventual de Conxo ou da capela do Cristo (Compostela). As orixes da igrexa parroquial de Santa María de Conxo remóntanse ao século XII (ano 1129). O arcebispo Xelmírez promoveu a fundación do convento. Cara a 1669, o edificio románico foi substituído por un máis amplo, de estilo barroco, aínda que se conservan dúas arcadas do claustro primitivo. A capela do Cristo é un edificio anexo construído cara ao ano 1729 para mellor custodiar e venerar unha talla do Crucificado, cuxa autoría se lle atribúe a Gregorio Fernández (1628).

No século XIX, tras seren trasladados a Poio os freires mercedarios, o antigo convento foi transformado no Sanatorio Psiquiátrico Provincial, inaugurado en 1885 (posteriormente, Hospital Psiquiátrico Provincial).

Antiga postal do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo (Compostela).

A igrexa de Conxo posúe planta de cruz latina, cruceiro, capelas laterais con tribuna, cubertas de bóveda de canón e cúpula de media laranxa con corpo cadrado ao exterior e tellado a catro augas. O cruceiro da capela do Cristo tamén se cobre cunha media laranxa levantada sobre pendentes.
Segundo o transmitido de xeración en xeración no seo da familia Ferreiro, o petrucio Xosé Ferreiro Martínez deseñou a maqueta dalgunha das cúpulas de Conxo con anacos de pataca. Ao parecer, concluída a obra, a Igrexa non dispuña de cartos para aboarlle o traballo, polo que asinaron un documento no que se certificaba que el e mais os seus descendentes gozarían a perpetuidade dun cuarto de balde en Conxo, no caso de que o precisasen. Esperanza Lema, bisneta do mestre Ferreiro, aínda lembra dito documento na casa, hoxe extraviado.

Sen dubidar da proba documental, probabelmente, Xosé Ferreiro Martínez traballou nas obras de habilitación do sanatorio psiquiátrico.

Castelos

De 1580, reinando Filipe II, data o proxecto de fortificación da ría de Ferrol. O castelo da Palma (Mugardos), o castelo de San Martiño (Ares) e o castelo de San Filipe (Ferrol) formaron o chamado “triángulo de fogo”, deseñado para impedir que as armadas inimigas acadasen o fondo da ría. O castelo de San Filipe comezou a construírse en 1589. No período 1731-52, acometéronse importantes obras de ampliación. Durante o século XIX tamén se realizaron numerosas reformas.

Seguindo o proxecto do enxeñeiro Enrique Montenegro, os labores de ampliación e mellora do castelo da Palma concluíron en 1896.
A. Rodríguez Fraiz anota: Dende mociño traballou e dirixeu obras no Ferrol, nos castelos da Palma e San Martiño, levando consigo os canteiros de Montes e Xeve que alí deixaron a mostra do seu xenio e arte (páx. 143).

Os servizos de Xose Ferreiro Martínez puideron ser requiridos para o desenvolvemento destes traballos. O castelo de San Martiño xa estaba en ruínas a finais do século XIX.

Talla do santo Antonio de Padua. A imaxe, de madeira policromada (moi repintada), consérvase na casa familiar dos Ferreiro (O Outeiro-Quireza). Os Ferreiro tiñan por costume solicitarlle favores ao santo e, para estimular a súa prodigalidade, somerxíano na auga do pozo colgado polo pescozo, até que accedía a satisfacer as peticións.

Porén, nas coplas escritas por Martiño Ferreiro Álvarez en Quireza o 13 de agosto de 1936, mentres burlaba o acoso dos fascistas, lemos que a imaxe do santo Antonio fora un agasallo que alguén de Compostela lle fixera a Xosé Ferreiro, o seu pai (“Na miña huida: Na persecución: VI”, 1936). A transcrición completa das coplas pode lerse en O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V, 2021, páxs. 261-75):

Cercaron a casa ás tres da mañán.
Entraron a todo, hasta donde hay
un san Antonio que ten miña nay.
Fora regalado en Santiago a meo pay
no siglo pasado, algús anos hay.
“Péndelle un milagro, o santo cho fay.”
Tanta confianza neso tiña miña nay…

Outras obras

Vaiamos agora coas obras que a voz do pobo lle atribúe a maiores ao mestre canteiro de Quireza:

O cruceiro da igrexa parroquial de Sabucedo. Situado uns 20 m cara ao norte da igrexa do San Lourenzo de Sabucedo (A Estrada). Plataforma cúbica con rebordo e beirado. Pedestal cuadrangular, moldurado e con gola. A sección inferior do varal é cadrada; o máis, octogonal liso. Capitel troncopiramidal invertido, enfeitado con volutas e acantos. Cruz de paus cilíndricos con nodosidades. No anverso da cruz: o Crucificado, co lombo arredado do madeiro; no reverso: unha Virxe sobre peaña anxelical, co corazón atravesado por unha espada de chumbo e coroada cunha auréola do mesmo metal.
Antonio Rodríguez Fraiz anota: o de Sabucedo, diante da casa reitoral, que non fai moitos anos derrubou un vento forte (páx. 143).

Por tradición oral sabemos que a autoría do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (1905) recae en dous mestres canteiros de Cerdedo: Francisco de la Iglesia (A Vilalén-Tomonde) e Xosé Ferreiro Martínez. No artigo “Esmoleiros e petos de ánimas de Cerdedo V”, informamos que tanto o capitel e a cruz do cruceiro de Quireza (1902) coma o capitel e a cruz do cruceiro de Vichocuntín (Pedre-Cerdedo) son idénticos na feitura e no material de construción empregado (o cemento). A. Rodríguez Fraiz (Santa Mariña de Tomonde, 2001, páxs. 130-1) atribúelle o cruceiro de Vichocuntín a Francisco de la Iglesia, mais, esta coincidencia apontoa os argumentos dos que defenden a autoría de Xosé Ferreiro. Como xa expuxemos, Esperanza Lema Bouzas, bisneta de Ferreiro, sen coñecer o pormenor da nosa descuberta, sospeitaba que o capitel do cruceiro de Quireza fora substituído despois da guerra civil. Se as pezas orixinais eran de pedra, intuímos por que se perpetrou o trocado, mais, será posíbel dar co seu paradoiro? O enigma fica pendente de resolver.

O retablo das ánimas (tres figuriñas entre as lapas do purgatorio), tallado en madeira, foi retirado ou roubado despois de 1989 e antes de 1995.

No tocante á autoría do cruceiro de Carballás, nun catálogo de cruceiros custodiado no arquivo municipal de Cerdedo, lemos o seguinte: Es creencia que lo construyó un vecino de Quireza, quizá el mismo que construyó el de esta parroquia. É dicir, Xosé Ferreiro.

O cruceiro de Carballás (Cerdedo), acaroado a unha fonte e bebedoiro, érguese sobre un pedestal de dous corpos: o inferior, cúbico; o superior, cuadrangular moldurado con gola. O máis do fuste é octogonal. No anverso do fuste, tallouse unha Verónica co veo e a Santa Faz. No reverso, un santo Antonio. Capitel troncopiramidal invertido, ornado con acantos, volutas e querubíns. Cruz de paus cilíndricos con nodosidades. No anverso: o Crucificado, co lombo afastado do madeiro. No reverso: unha Virxe orante encol dunha peaña anxelical.

O belo conxunto etnográfico formado polo cruceiro e o pío non era, así e todo, do gusto de M. Reimóndez Portela: “Amolárono arrimándolle un bebedeiro pro gando” (1985, páx. 117). Óese que quixeron trasladar o cruceiro para Cerdedo. Impediuno a oposición dos veciños.

Ao respecto do cruceiro de Millerada (Forcarei), desbotamos a feitura do cruceiro da parroquial (sécs. XVII-XVIII) e damos como factíbel que Xosé Ferreiro puidese ter intervindo nas reformas acometidas no cruceiro de Hermosende (séc. XVIII e ss.). O pedestal e o fuste, froito dunha intervención posterior, foron datados no século XIX. No varal talláronse algúns instrumentos da Paixón (escada, graal e tenaces), moi do gusto de Ferreiro.

Finalizo este breve percorrido pola obra certa e suposta do insigne mestre canteiro de Quireza Xosé Ferreiro Martínez. Valla este artigo para reclamar que o sacrificio e legado da liñaxe dos Ferreiro sexa compensado na comarca coa asignación dunha rúa ao petrucio Xosé Ferreiro Martínez, ben en Cerdedo, o seu concello natal, ou ben en Forcarei, compromiso ao que a antiga mandataria forcareiesa chegou coa familia en 2013 (La Voz de Galicia, 23-8-2013: “Una calle para José Ferreiro”).

Xarou vuxa cúvico e xido chilo.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...