fbpx
Salinas romanas do Areal musealizadas / xunta.gal

Era Vigo un gran mercado de salazón na época romana?

Tempo de lectura: 2 min.

Vigo atesoura un importante pasado romano e, cada vez máis, vanse atopando numerosos restos dese pasado. O principal xacemento tapado de época romana sitúase na rúa Marqués de Valladares, no solar correspondente aos números 39 e 41. Ao fondo dese espazo, onde se empezará a construír proximamente, achouse fai máis de dez anos unha factoría de salgadura datada no século I.

Esta mesma semana, o alcalde Abel Caballero dicía, á vez que anunciaba a concesión de licenza para o inicio das obras nese terreo, que se abordará a musealización deste xacemento e aludía á súa importancia. “Se se cumpre o anuncio, os vigueses poderán ver a primeira factoría de salgadura local que exportou peixe ao Mediterráneo“, recolle La Voz.

Outros xacementos

Non moi lonxe de alí, na praza de Compostela, foi arrasada unha factoría similar hai uns anos cando se rehabilitou un edificio próximo á central de Correos. Pero tamén hai restos romanos enterrados noutros puntos da cidade. No tramo que vai desde Alcabre até o Museo do Mar sucédense outros xacementos no seu día escavados de urxencia. Son O Fiunchal, na praia de Santa Baia, onde hai restos dunha antiga salazoneira do século III-IV.

Séguelle o da praia do Cocho, ou punta Borralleiro, xunto ao Museo do Mar de Galicia, coa posible existencia dunha vila. Existe un terceiro xacemento na zona, situado no solar onde se alzaba o chalé Zulueta, xunto ao Museo do Mar de Galicia. Baixo unha antiga duna atópanse os restos dun asentamento baxoimperial, con abundante material e importantes restos construtivos de tipoloxía indefinida debido á pouca superficie escavada. Tamén se atoparon ánforas altoimperiales, que levaron a pensar aos arqueólogos que esta zona tivo un nivel de ocupación en torno ao cambio á nosa era.

Recreación dunha salina en época romana / proyectoloreto.com

Museo Salinae

Outro espazo xa restaurado e que demostra ese gran pasado da salazón en Vigo é  o Museo Salinae, situado ante o centro de saúde de Rosalía de Castro. Descendendo uns metros polas súas escaleiras accédese a un tramo da salina de evaporación que ocupaba todo o Areal, desde a rúa Pontevedra até Isaac Peral entre o século I e o III da nosa era. Cando variou a liña de costa foi reutilizado o espazo como lugar de enterramento. Na rúa Inés Pérez de Ceta foron localizados varios enterramentos hai máis de 25 anos. Mesmo apareceu un esqueleto bastante completo. Tamén apareceron restos de tumbas noutras rúas da cidade.

De feito, onde hoxe se elvanta o edificio As Salinas foi escavado o terreo con profusión durante anos, e o arqueólogo Mario César Vila, da empresa Gesit Arqueoloxía, atopou evidencias de que puido empregarse esa zona como porto natural en época romana. Foi nun momento anterior á construción da salina. Toda a información en La Voz.

Pode que che interese...