fbpx
Escavación en Outeiro Grande, na Serra do Carrío, na busca dun posible henge / ERNABÉ/JAVIER LALÍN-FdV

Escavan na Serra do Carrio para confirmar a existencia de dous posibles círculos prehistóricos

Tempo de lectura: 2 min.

Hai catro anos Elixio Vieites publicaba neste portal de Historia de Galicia a posible existencia de dous círculos prehistóricos (coñecidos como henges) na Serra do Carrio, na divisoria Deza-Arnego e que domina visualmente, pola súa posición xeográfica, unha ampla zona do val do Deza-Asneiro e a maior parte da conca do río Arnego.

Nese momento, e guiados polo investigador Antonio Presas, Elixio Vietes, Manuel Gago e Xurxo Salgado inspeccionaron a zona e atoparon o que podían ser dous henges nas localizacións de Outeiro Grande e Coto Grande. Un ano despois, os arqueólogos Pilar Prieto Martínez, Luis Cordeiro Maañón e Pablo Vázquez Liz publicaron un artigo científico no que daban conta de que eses dous lugares poderían ser, efectivamente, henges, estruturas circulares construidas hai 4.000 anos.

Precisamente, e para comprobar definitivamente a vericidade destas pescudas, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura financia unha actuación arqueolóxica en Outeiro Grande  para “avaliar a súa potencialidade arqueolóxica e obter información sobre a tipoloxía, cronoloxía e posible función desta estrutura”.

Lidar a roda coto grande outeiro grande

Outeiro Grande e Coto Grande

Esta actuación arqueolóxica podería evidenciar a existencia destes henges o que permitiría a súa protección e evitar que poidan ser esnaquizados. Precisamente, a Serra do Carrio, entre os límites dos concellos de Vila de Cruces e Lalín, alberga un parque eólico, e moi cerca das pistas que o percorren podemos ver as mámoas da Brañas de Abonxo, un conxunto de alomenos 9 túmulos moi próximos entre si. Están a 200 metros ao noroeste dun recinto chamado Outeiro Grande, unha estrutura circular que non foi catalogada como un lugar arqueolóxico no traballo feito no ano 2002 polos arqueólogos que estudaron a zona onde se instalarían os aeroxeradores.

Coto Grande, ao noroeste da serra , a unha altitude de 695 m, está a 2,5 km en liña recta de Outeiro Grande e a 800 m. ao sur das mámoas do Coto do Camballón, no concello de Vila de Cruces. Amosa un muro circular moi esborrallado de 48 metros de diámetro exterior, e ten unha inmellorable visión cara o oeste, chegándose a divisar dende este punto o Pico Sacro.

Outeiro Grande, na parte suroeste da serra, presenta tamén unha muralla circular cun diámetro duns 75 metros, pero foi cortado de noroeste a suroeste ao non ser considerado no seu momento un lugar arqueolóxico. A súa altitude, de 700 m, coincide case á perfección coa de Coto Grande.

Pode que che interese...