João da Nova, “o galego de naçom” que descubriu novas terras para o Reino de Portugal
As revoltas irmandiñas e as posteriores persecucións dos Reis Católicos tiveron as súas consecuencias, non só a nivel político senón tamén a nivel social e persoal. Este é o caso do cabaleiro, mariño e explorador galego João da Nova que fuxiu a Portugal tras estes acontecementos. Chamado na Galicia Juan de Nóvoa e coñecido en Portugal como João o Galego, este cabaleiro é unha personaxe pouco coñecida en ambos territorios a pesar de ser un dos maiores exploradores dos séculos XV e XVI.
Segundo a bibliografía consultada polo Consello de Cultura Galega, João da Nova procedería da casa dos Nóvoa de Maceda, familia nobre que tiña a súa orixe na tamén vila ourensá de Ribadavía. A data de nacemento, de 1450, é unha estimación.
Na década dos noventa dese século, quizais favorecido pola estreita relación co financeiro Tristão da Cunha, xa formaba parte da clase dirixente portuguesa e as fontes do país luso refírense a el como “galego de naçom” e de orixe nobre. Conseguiría ser nomeado “alcaide” de Lisboa no 1496 e participou nas expedicións marítimas lusas a principio do século XVI. Ademais, como indica o Consello de Cultura, “se ben as expedicións de João da Nova tiñan obxectivos comerciais e militares, no seu percorrido por novas rutas non estaba ausente o elemento explorador“.
Na primeira viaxe, en 1501, a frota de João da Nova descubriu a illa da Conceiçao, hoxe Ascensión, e na volta a Lisboa a illa de Santa Helena no ano 1502. Ascensión é unha illa volcánica situada no Atlántico a medio camiño entre África e América que visitou en 1836 Charles Darwin, quen promoveu a plantación de vexetación na illa. Santa Helena está situada a máis de 2.800 quilómetros de distancia da costa occidental de Angola. Ten sona por ter servido como prisión británica para Napoleón Bonaparte e o lugar do seu falecemento. João da Nova faleceu en Kochi (India) no ano 1509. Para máis información: Consello da Cultura Galega