fbpx

Escavacións ilegais e roubos… a mina “nazi” máis importante de Galicia sofre outra vez expolios

Tempo de lectura: 2 min.

A mina de Valborraz, situada ao Sur do Barco de Valdeorras, é unha das minas galegas usadas polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial para conseguir wolframio. A pesar do fatal destino do seu material, esta foi a época dourada dunha mina que agora está sendo investigada polo grupo Sputnik Labrego que denunciou expolios no conxunto mineiro.

Como explican os investigadores a través dunha publicación en Facebook, varios habitantes da zona fixeron unha visita á mina e atoparon varios “furados detectoristas” que foron denunciados ao instante. Por si fora pouco, os vándalos deixaron os seus excrementos neste elemento patrimonial industrial tan importante na historia contemporánea de Galicia.

Furados na mina de Valborraz debido aos expolios que sufriu o conxunto / Sputnik Labrego

Esta non é a primeira vez que a mina de Valborraz sufre este tipo de expolios. “O expolio o único que fai é arrancar parte da memoria colectiva dos sitios. Máis aínda, o máis probable é que só atoparan un cravo desta volta, mais hai pouco que robaran a única inscrición escrita que quedaba da mina, e isto é unha perda irreparable”, comentan dende Sputnik Labrego.

A HISTORIA DA MINA DE VALBORRAZ

A Alemaña nazi, para combater na Segunda Guerra Mundial, precisaba o wolframio para a construción dos seus tanques. Na busca deste material atopou un territorio que tiña entón dabondo: Galicia. Destacan varias minas situadas ao longo de Bergantiños e a Costa da Morte, mais tamén atoparon wolframio na comarca de Valdeorras nas minas de Valborraz e Casaio. 

A mina de Valborraz foi de especial relevancia porque estaba dirixida directamente por unha empresa nazi. Coñecida como “a mina dos alemáns”, Valborraz abrira no ano 1914 por unha empresa belga. En 1938, foi adquirida por un conglomerado de emprezas nazis, SOFINDUS , que explotou a mina ata 1945. Valborraz volvería a abrir en 1950 debido á Guerra de Corea para ser abandonada na década dos 60.

Na actualidade, o xacemento de Valborraz, xunto co de Casaio, está sendo investigado polo grupo Sputnik Labrego. O seu obxectivo é analizar as transformacións do campesiñado galego en diferentes momentos históricos que destacoron por grandes cambios estruturais. Este proxecto de investigación está apoiado polo CSIC, a Xunta de Galicia e a Comunidade de Montes de Casaio.

Pode que che interese...