fbpx
Illa de San Simón, na Ría de Vigo / amigoscc.es

Queres participar en roteiros para coñecer a historia oculta dos libros e a maxia da paisaxe de Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de RUTAS DE HISTORIA, un proxecto patrimonial impulsado polo portal Web historiadegalicia.gal que este 2022 celebra xa as súa 6ª edición cunha nova oferta de roteiros históricos e literarios nos que destacan a participación de coñecidos escritores e divulgadores culturais como Carme Varela, Manuel Gago, Eva Mejuto, Marcos Calveiro, Manuel Miranda, Miguel Losada, Xurxo Ayán ou Elixio Vieites.

Coa idea de recuperar ese patrimonio oculto que atesoura Galicia, o proxecto de turismo histórico Rutas de Historia quere levar esta primavera e outono aos participantes a coñecer as terras da Maía, a Mariña lucense, Lemos, a ría de Vigo, o Condado-Paradanta ou a montaña ourensá.  Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia. Podes coñecelos en www.rutasdehistoria.gal

Esta sexta edición conta con oito roteiros polas catro provincias galegas que se celebrarán durante as fins de semana de maio e xuño e logo en setembro, outubro e novembro, e, como novidade, inclúen a realización dunha visita á illa de San Simón e roteiros literarios, paisaxísticos e antropolóxicos.

As andainas comezarán o día 14 de maio cun roteiro por Santiago de Compostela, e rematarán o día 5 de novembro cunha visita ao Mosteiro de San Paio de Albeos, en Crecente. Así, as andainas serán as seguintes:

14 de maio. A Compostela de Fontán : como se fixo o primeiro gran mapa de Galicia. Guía: Marcos Calveiro, escritor

18 de xuño. Unha viaxe ás guerras entre nobreza e Igrexa: A Torre de Altamira e Ponte Maceira. Guía: Elixio Vietes,  divulgador cultural e integrante de Patrimonio Galego. Posibilidade de actuación dos Quinquilláns.

25 de xuño. A revolta guímara e María Castaña: Cando un pobo guerreou contra o señor feudal. Guía: Xurxo Ayán, escritor e arqueólogo

17 de setembro. San Simón e as lavandeiras. Memorias das mulleres na Guerra Civil. Guía: Eva Mejuto, xornalista e escritora

24 de setembro. Ruta da seimeira, no corazón das fervenzas das terras de Burón. Guía: Manuel Miranda, divulgador e presidente de Mariña Patrimonio

8 de outubro. Viaxe á cerna do tempo. Marabillas xeolóxicas na ignota Serra de Glaciares. Guía: Miguel Losada, antropólogo e divulgador cultural

22 de outubro. O reino nas sombras, unha viaxe descoñecida ao corazón de Santiago. Guía: Manuel Gago, xornalista e escritor

5 de novembro. As desterradas, cando unhas moxas galegas se enfrontaron á raíña de Castela. Guía: Carme Varela, escritora e secretaria da Asociación O Sorriso de Daniel

Deseño en 3D da catedral medieval de Santiago de Compostela por Anxo Miján

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística, colaboran nesta edición representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego ou o Sorriso de Daniel. Durante a presentación desta edición, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou a importancia que a literatura e a lingua galega teñen na conformación da identidade cultural e histórica do país. Pola súa banda, o escritor Marcos Calveiro salientou a necesidade de impulsar este tipo de iniciativas para conectar directamente cos lectores grazas a roteiros literarios.

Os roteiros teñen unha duración de entre catro e cinco horas e serán realizados, principalmente, durante as mañás, aínda que algúns deles tamén continuarán pola tarde. Os guías explicarán, en varios puntos, os contextos históricos por onde pasan os camiñantes. A maior parte delas serán circulares e as persoas interesadas terán que levar roupa axeitada e comida e bebida para o camiño. Todos os participantes deberán inscribirse, previamente, na páxina web do proxecto ( www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal) cunha antelación de 24 horas.

Pode que che interese...