fbpx

“Cruceiro pool, very cool”, a nova desfeita patrimonial que denuncian nas redes

Tempo de lectura: < 1 min.

No barrio de Moreira no Concello de Soutomaior, teñen un novo atractivo. Trátase da restauración da Poza do Souto, dentro da cal se atopa un cruceiro. Agora, o cruceiro atópase no medio nun pequeno estanque que semella unha piscina que rodea o elemento patrimonial de cor azul, contrastando isto coa pedra orixinal. Destaca na obra a instalación dun mecanismo de auga que, a modo de fonte decorativa, expulsa auga dende o pé do cruceiro.

A través dun vídeo publicado pola páxina de Facebook Maltrato da paisaxe. Canibalismo urbanístico, e que acada preto de 4.000 visualización, denuncian esta restauración, preguntándose se conta coa autorización de Patrimonio.

Quen publicou inicialmente o vídeo foi a usuaria Ana María V. F., que sinala que a poza foi restaurada polos veciños co material posto polo concello de Soutomaior. “Para o disfrute dos nenos e de quen queira”, engadindo que se debe respectar, mais que os cans si se poden bañar no lugar. As fotos publicadas pola usuaria recibiron unha boa acollida, que se mostrou a través de comentarios como “encantoume, está lindísima”, sinalando tamén o bo facer dos veciños.

Porén, dende Maltrato da paisaxe a súa opinión con respecto á restauración é ben diferente, e ironizan o resultado titulando a publicación como “Cruceiro pool, very cool”. As mofas tamén se atopan entre os comentarios, onde se sorprende polo resultado e pola falta de intervención de Patrimonio. “Fáltame un mostrador de cubatas ao pé do cruceiro e dous altofalantes botando reghetón colgando da cruz” ou “Que barbaridade!!! Sen permiso de patrimonio!!!” foron as reaccións dalgúns usuarios ao visualizar o vídeo.

Pode que che interese...