fbpx
Vista do Castelo de Santigoso, na Mezquita / Miguel Losada

Coñece a terra dos tres reinos

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia é un país con moitas fronteiras pero hai unha terra que ten tres oficiais, aínda que ningunha sexa histórica ou cultural. A Mezquita, o último concello da Galicia autonómica, que non histórica, está a cabalo entre Castela e Portugal. E para coñecer parte desa historia de fronteiras impostas, este sábado Rutas de Historia organiza un roteiro por este concello arraiano para coñecer as súas riquezas patrimoniais e paisaxísticas. Unha vez no punto de encontro collerase un autobús para ir ao Alto da Canda, linde natural de Galicia, Castela e León e Portugal e farase andando un tramo da Vía da Plata. Podes apuntarte aquí.

Camiñarase por terra de paso de peregrinos pero tamén de segadores e de arrieros, tratantes e viaxeiros chegados aquí polos máis diversos motivos. Na Vilavella, está a igrexa dedicada a santa María da Cabeza. No descenso ao Pereiro pasarase por unha ponte sobre o arroio da Veiga do Pontón, e por vellos camiños empedrados, acubillados por centenarios valados ou muros de pedra. É esta unha zona de grandes canteiros, arte expresada na xenuína arquitectura popular e relixiosa.

Tras a comida, collerase o bus ata Cadavos para facer a ruta da pana, pasando polo penedo dos tres reinos ata a “Moimenta, parque natural de Montesinho”. unha vez alí visitarase o museo do contrabando a igrexa, a forxa e muiños. Tras un refrixerio nunha taberna tradicional voltaremos ao punto de inicio.

O Penedo dos Tres reinos, o marco divisorio dos reinos de Galicia, León e Portugal / Concello da Mezquita

Coñecendo a historia cos alcaldes de Galicia

Coñecer, amar, valorar e protexer a historia de Galicia. Ese é o principal obxectivo de www.rutasdehistoria.gal, un proxecto patrimonial impulsado polo portal web www.historiadegalicia.gal ao que esta primavera se suman catro rexedores das catro provincias galegas cun único fin: poñer en valor o seu patrimonio local.

Coñecendo a historia cos alcaldes de Galicia’, así se chama este novo proxecto impulsado por Rutas de Historia que quere converter en guías turísticos e históricos por un día aos alcaldes de Tui (Pontevedra), Enrique Cabaleiro (PSdeG); Castro de Rei,(Lugo) Francisco Balado (PPdeG); Outes (A Coruña, Manuel González (Compromiso Outes) e A Mezquita (Ourense), Rafael Pérez (BNG).

O obxectivo é que os propios alcaldes sexan os guías dun grupo de máis de medio cento de persoas pola historia e o patrimonio dos seus concellos e dean a coñecer os “segredos ocultos” e as “anécdotas históricas” que atesouran. Neste sentido, o alcalde de Tui destacou que “cando coñecemos unha cousa, pómola en valor. E cando a pomos en valor, comeza a sensibilidade pola protección”. Foi durante a presentación deste proxecto que tivo lugar no Centro Internacional de Prensa de Galicia en Santiago este venres.

Pode que che interese...