fbpx
Fosa de Santa María de Pradocabalos en Viana do Bolo onde se cre que está Anunciación Casado, "paseada" polos franquistas / Nomes e Voces - Histagra

Buscan nunha fosa común a Anunciación Casado, “paseada” polos franquistas en Viana do Bolo

Tempo de lectura: < 1 min.
Buscan os restos dunha muller asasinada pola violencia franquista. Os traballos de exhumación da fosa común de Castro-Pixeiros, en Viana do Bolo, deron comezo este luns 23 no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023. O equipo encargado dos traballos atópase integrado por especialistas en historiografía, antropoloxía forense, arqueoloxía e xenética que pescudan sobre o pasado da violencia franquista en Galicia.
A persoa que tentan localizar na parroquia de Pixeiros é Anunciación Casado, que contaba con 38 anos cando a asasinaron, o 21 de agosto de 1936, na curva das Revendeitas, na estrada que vai da Gudiña a Viana. Foi inscrita no rexistro de defuncións do xulgado de Viana do Bolo, o 30 de agosto dese mesmo ano, en virtude dun oficio do xuíz de instrución do Partido. A pesar de que a súa morte foi rexistrada a consecuencia de “fractura y destrución de la masa cerebral”, en realidade, a propia natureza do crime e das feridas que sufriu constitúen un “paseo”, tal e como explican dende o equipo de investigación.
Ademais das tarefas de localización, exhumación e identificación, o Plan conta con outras dúas liñas estratéxicas relativas á divulgación dos traballos efectuados e dos seus resultados, xunto coa dignificación dos puntos de enterramento e promoción dos lugares de memoria.
Buscan datos para seguir coas exhumacións
“Seguimos actualizando o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista”, explican dende Histagra. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible, por iso facemos un chamamento a todas as persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos”, engaden. As persoas interesadas poden contactar co equipo investigador a través de histagra@usc.es

Pode que che interese...