fbpx
Novas pinturas aparecidas en Casaio entre as que hai soles e posibles formas humanas / Sputnik Labrego

Atopan novas pinturas prehistóricas en Casaio: soles e figuras humanas

Tempo de lectura: 2 min.

Unha nova estación de pintura rupestre prehistórica foi atopada na localidade ourensá de Casaio. Este descubrimento tivo lugar durante algúns dos traballos que a Asociación Científica Sputnik Labrego está a facer na zona xunto cunha equipa do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT, CSIC). Un veciño da zona, Francisco Fernández, avisou aos investigadores da posibilidade de que houbera pinturas nunha zona de Casaio chamada Colobredos. Despois dunha comprobación no sitio para confirmar a veracidade das pinturas, a equipa contactou coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para dar a coñecer o descubrimento. “Esta nova estación de pinturas é un importante achado por moitas razóns. A primeira é que pensabamos que todas as pinturas se concentraban nun só punto, o de Pala de Cabras. Agora sabemos que non é así e que ten que haber máis pinturas aínda por descubrir”, di Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Posible figura humana nunha pintura prehistórica de Casaio / Sputnik Labrego

O novo conxunto de pinturas está composto por, ao menos, tres formas de soles e unha posíbel forma humana. “Estes motivos engaden moita información ao xa coñecido anteriormente na Pala de Cabras, xa que non tiñamos atopado formas humanas, moi comúns nas estacións de pintura rupestre deste período”, continúa Tejerizo, “ademais, a tipoloxía dos soles, moi distintos aos de Pala de Cabras, poderían indicar unha cronoloxía distinta, quizais da Idade do Bronce”. Aproveitando a presencia da equipa do Instituto de Ciencias de Patrimonio, dirixido por Lucía Pereira Pardo, experta en documentación e análise de patrimonio, faranse os primeiros estudos destas novas pinturas para comprobar a súa composición química e poder comparalas coas coñecidas en Pala de Cabras.

Este importante descubrimento abre novas perspectivas sobre o patrimonio prehistórico de Galiza, complementando a información sobre a arte rupestre e a súa difusión durante a prehistoria. “Agora toca seguir traballando e, para iso, precisamos de apoios e financiación. Pensamos que este é un patrimonio único que temos o deber de protexer”, remata Tejerizo.

Soles atopados nunha cova prehistórica de Casaio / Sputnik Labrego

Pode que che interese...