Presentación da I Festa Irmandiña de Sarria / Vicepresidencia Deputación de Lugo

Os irmandiños toman Sarria

Tempo de lectura: 2 min.

A I Festa Irmandiña traerá a esta localidade lucense o mellor da artesanía galega, obradoiros, música, xogos tradicionais e moitas actividades máis.

A I Festa Irmandiña reunirá durante os días 15, 16 e 17 do vindeiro mes de xullo, o mellor da artesanía galega, cunha importante representación da artesanía da provincia de Lugo. Haberá obradoiros infantís, un campamento irmandiño, zona de xogos tradicionais galegos infantís, recreación das loitas irmandiñas expulsando aos Condes de Lemos das rúas de Sarria, unha cea medieval, moi variados espectáculos de animación de rúa, música, demostracións artesanais, entre outras moitas actividades.

O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, participou esta mañá na presentación da I Festa Irmandiña, organizada pola Área de Cultura da Deputación xunto co Concello de Sarria. Xunto a el estiveron tamén a Concelleira de Cultura do Concello de Sarria, Mónica López, o Concelleiro de Participación Cidadá, Efrén Castro, e Anxo Fernández, coordinador do evento.

Todos coincidiron en que “vai ser escaparate da cultura e da historia galega, ubicada nun entorno emblemático para Sarria como é a Rúa Maior, aos pés da Torre da Fortaleza de Sarria, todo un símbolo dun período fundamental na historia de Galiza como foron as revoltas irmandiñas” explicou Ferreiro.

Así mesmo, por parte do Concello de Sarria, a Concelleira Mónica López, animou “a todas as veciñas e veciños de Sarria, así como a todas as persoas que poidan achegarse a desfrutar desta I Festa Irmandiña, a participar activamente da festa a todos os niveis, tamén engalanándose para a ocasión” dixo. Para todo isto, están a promover xa un sorteo de premios cos que colaboran moi variados establecementos de Sarria, “trátase dunha serie de vales-regalo que se sortearán durante a propia fin de semana da Festa entre as persoas que participen na mesma empregando vestimentas da época. Os premios serán tanto para adultos como para cativos. Para facilitar todo isto haberá tamén obradoiros para que todas as persoas que así o queiran poidan confeccionar os seus propios traxes. O mesmo acontecerá cos balcóns e fachadas que se engalanen para a ocasión” explicou Mónica López.

Consolidar esta festa

Desde o Concello de Sarria, agradeceron a importante participación dos establecementos da vila, “algo que nos parece fundamental, pois queremos que esta I Festa Irmandiña sexa de todas e todos os sarriaos e que se consolide no tempo” explicou o Concelleiro de Participación Cidadá, Efrén López.

Tamén informaron que nos vindeiros días seguiranse a desvelar os detalles do programa completo desta I Festa Irmandiña, para a cal xa está aberta unha canle na rede social facebook (www.facebook.com/FestaIrmandiñadeSarria) e tamén se comezará a realizar a difusión da Festa tanto en Sarria como en todos os Concellos limítrofes “para que ninguén quede sen desfrutar desta I Festa Irmandiña de Sarria que, agardamos, sexa un éxito” sinalou Mónica López.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: