fbpx
Relación dos maiores contribuíntes do distrito de Muros ( Muros, Carnota, Outes e Mazaricos) que teñen dereito a voto na eleccións a Cortes de xullo de 1836

Como eran unhas eleccións hai 180 anos?

Tempo de lectura: 7 min.

Artigo de Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos. Vía: quepasanacosta

Hai algúns días falei da película máis nomeada de Luchino Visconti. Hoxe o recordo deste filme venme moi acaído para o tema que imos tratar. No GATOPARDO unha das frases máis repetidas e moi demostrativa do cambio de actitude da familia protagonista ao respecto da nova situación política é: “se queremos que todo siga como está, é preciso que todo cambie”. É dicir, se queremos conservar as nosas propiedades, os nosos privilexios e o noso estilo de vida, temos que pactar coa nova clase emerxente, a burguesía, para impedir calquera tipo de revolución que converta á nova Italia nunha democracia real na que se derrube o vello sistema de clases.

Algo semellante ocorrera, xa con anterioridade, no estado español. Coa morte de Fernando VII, no ano 1833, iniciase unha guerra civil entre os partidarios da súa filla Isabel II e os do seu irmán o infante D. Carlos. O que empezara sendo unha disputa dinástica, sácate ti que me poño eu, rematou por converterse nunha loita ideolóxica entre os absolutistas que apoiaban ao infante e os liberais á pequena Isabel. Ante esta situación a raíña viúva, María Cristina de Borbón, rexente do reino debido á minoría de idade da súa filla, viuse obrigada a pactar cos liberais unha serie de medidas transformadoras que liquidaron o estado absolutista e feudal para instalar no seu lugar unha monarquía constitucional de moi baixa intensidade democrática.

Entre os cambios impulsados naquel momento estivo a instauración dun parlamento cuxos membros eran escollidos por sufraxio. Pero non o sufraxio universal a que estamos afeitos nestes tempos, senón o denominado SUFRAXIO CENSITARIO. O censo de votantes compúñano só os máis ricos, é dicir, os maiores contribuíntes de cada distrito electoral. A cota de contribución mínima para poder votar estaba situada nos 200 reais. Se esta medida se aplicara de maneira estrita, os que pagaran unha cantidade inferior non terían dereito a voto, mais en cada distrito facían algúns axustes á baixa e, coma no exemplo que temos do partido xudicial de Muros, a cota mínima quedou nos 140 reais. Sen estas medidas correctoras votaría aínda moitísima menos xente. En todo o distrito de Muros unicamente o farían 17 persoas, das cales 4 serían de Mazaricos.

No tempo das pesetas 200 reais eran 50 pesetas, e agora cos euros serían 30 céntimos de euro. Unha cantidade que, a día de hoxe, nos parece absolutamente irrisoria, pero hai cento oitenta anos era unha cifra importante, mala de gañar e máis difícil de aforrar. Deses mesmos anos consérvanse algúns apuntamentos contables dun cura de Beba da casa de Suárez, Tomás Antonio Suárez, nos que atopamos datos tan interesantes coma este: “En el día 26 de julio de 1840 vino de criado por el año José Rodríguez de Colúns. Ajustado en 80 reales y el vestido de lana según costumbre”. A José Rodríguez, para ser un criado de servir, gustáballe a boa roupa, no primeiro ano que botou traballando na casa do cura, ademais do traxe de lan regulamentado no nomeado axuste, fixo unha chaqueta, un chaleco, un pantalón, unhas polainas, unha camisa de lenzo e mercou uns zapatos que lle custaron seis reais. Máis alá da anécdota da roupa, quedémonos coa importancia da cantidade: por un ano de traballo gañaba 80 reais mantidos e durmidos.

Ademais dos maiores contribuíntes tamén tiñan dereito a voto, aínda que non chegaran á cota establecida, os chamados profesionais liberais (médicos, avogados,…) e os militares de carreira. A vía do poder económico e a vía da formación académica e castrense normalmente ían unidas. Para acceder á educación universitaria ou á militar eran necesarios uns medios económicos que estaban ao alcance de moi poucos. Por este concepto terían dereito a voto 11 persoas máis no distrito de Muros, ningunha de Mazaricos.

A maiores dos requisitos económicos ou profesionais, había que ser varón, ter 25 anos cumpridos e posuír casa aberta no distrito de referencia. O sufraxio censitario con un aumento progresivo das persoas con dereito ao voto, agás no sexenio revolucionario que estivo aberto a tódolos varóns maiores de 25 anos (1868 – 1873), estivo vixente no estado español ata 1890, ano no que se instaurou o sufraxio universal masculino. As mulleres non conseguiron este dereito ata o ano 1933, e por pouco tempo, pois como todos sabemos, chegou Franco “y mandó parar”.

Este censo tan restritivo, común a outros países do noso entorno pola mesma época, tiña como obxecto manter fóra da participación política ás clases populares. Aquelas persoas que pagaran unha contribución por debaixo das cifras citadas anteriormente, e que representaban o 99% da poboación total do estado, non tiñan dereito a contribuír co seu voto a orientar as decisións políticas que lle ían afectar de forma directa. Con esta medida a nobreza, a fidalguía e a burguesía asegurábanse que, no peor dos casos, a situación política ía estar controlada por persoas afíns, social e economicamente, que salvagardarían os seus intereses de clase.

A vontade de pacto entre os vellos estamentos parasitarios e a emerxente burguesía, demostrouse moi ben cando o novo estado liberal español desposuíu á igrexa das súas inmensas propiedades. Pero non para entregarllas, buscando unha fórmula axeitada para as dúas partes, aos labregos que as traballaban dende xeracións, senón para vendelas aos mellores ofertantes: as novas e as vellas elites. Se no Antigo Réxime a fidalguía e a nobreza conseguiran mediar entre a igrexa e os labregos, facéndose cunha porcentaxe da renda que estes últimos pagaban polas terra que traballaban, agora coa desamortización lograron, compartíndoo coa burguesía, todo o pastel, e os campesiños tiveron que seguir pagando os foros ata ben entrado o século XX.

As eleccións a deputados de xullo de 1836 non eran as primeiras que había no estano español. Xa se votara nos tempos da Francesada e no bienio liberal. Máis agora coa instauración do estado liberal e debido á inestabilidade que reinaba no país, estes eran os terceiros comicios en menos de catro anos. Comicios que na maioría das ocasións lles daban a vitoria aos conservadores ou á coalición formada polos moderados e os conservadores. Non podía ser doutro xeito se temos en conta a orixe social da maior parte dos votantes.

Na reprodución que ofrecemos do listado dos maiores contribuíntes do distrito de Muros para estas eleccións a Cortes de 1836, aparecen os nomes dos interesados, a parroquia á que pertencen e a cota de contribución que, aínda que non se especifica, está en reais. Como xa dixemos anteriormente hai 75 persoas, delas, 15 son das parroquias que antes de rematar o ano conformarán o Concello de Mazaricos.

Casa de Millán de Santabaia do s.XVIII de Jose Garcia, un dos 15 votantes en 1836, hoxe abandonada / QPC

Casa de Millán de Santabaia do s.XVIII de Jose Garcia, un dos 15 votantes en 1836, hoxe abandonada / QPC

Os votantes de Mazaricos

Os posibles votantes de Mazaricos teñen unha distribución moi desigual. Da parroquia de Mazaricos: José de Lema cunha cota de 166 reais de contribución e Domingo Martínez con 169. En Chacín: José García con 161 reais. En Maroñas: Juan Antelo e Domingo Tuñas, os dous con 140 reais. En Alborés: Antonio Alvite con 200 reais. En San Cosme de Antes: Luis García con 174. En Beba: Francisco Suárez con 276, Mateo Pensado con 150 e Manuel Vieites con 140. E para rematar, na parroquia de Colúns: Domingo Gallardo con 231, Benito González con 219, Andrés Pérez, José García Gallardo e Benito González Piñeiro con 174 reais cada un.

Non contan con ningún censado as parroquias de Corzón, Eirón, Vaos, Coiro, Arcos e Entís. A de Entís non sería estraño, era unha parroquia moi pequena que, co tempo, será repartida, a efectos relixiosos, entre San Lourenzo de Matasueiro e Santa Baia de Chacín. Pero Coiro a máis extensa é poboada do Concello estaba na mesma situación. Pola contra, a de Colúns, conta con cinco veciños entre os maiores contribuíntes do Concello. Casas que despois foron importantes coma o Vinculeiro e o Noveira de Arcos, o Padín de Vilariño de Pousaduiro, o Cirolán de Suevos e sobren todo o Ríos de Lugarnovo, neste momento non chegan á cota mínima esixida para poder votar.

E quen son logo os posuidores de tal privilexio? Ou mellor dito, a que casas pertencerían a día de hoxe? Para lograr identificalos rastrexamos en padróns de habitantes e de contribuíntes antigos, mais non o suficientemente antigos para conseguir un resultado óptimo. Así as cousas, só podemos dar unha resposta concluínte para sete dos censados.

FRANCISCO SUÁREZ era da casa de Suárez de Beba. Non só era o maior contribuínte de Mazaricos, senón que era o segundo de todo o partido xudicial de Muros. A casa de Suárez, ademais de contar con boas e numerosas propiedades no lughar de Beba, tiña bens polos que cobraba substanciosas rendas noutras parroquias e lughares.

MATEO PENSADO tamén era de Beba, da actual casa do Liste, que daquela chamarían, seguramente, de Caamaño. Pois pertencían a unha póla lateral desta estirpe posuidora, noutros tempos, do pazo de Fontán. No listado erroneamente aparece como Mateo Pousada.

DOMINGO MARTÍNEZ que xogaría un importante papel, non exento de críticas, nos primeiros anos de vida do futuro Concello de Mazaricos, era da casa do Rubalo de Pidre. Estaba emparentado por vía matrimonial cos Suárez de Beba e ata os anos setenta do século pasado tiñan na horta, en lugar ben visible, un bo pombal que demostraba a importancia da casa e da familia.

JOSÉ GARCÍA sería, a día de hoxe, da casa do Millán de Santabaia na parroquia de Chacín. Unha boa casa dende, polo menos, o século XVIII. A mediados desta centuria o cabeza de familia era escribán e, ademais dos ingresos que xeraba a súa profesión e a propia explotación agraria, cobraba rendas en moitos lughares. Aínda se conserva a vella casa patrucial que, polas trazas, debeu ser construída no século antes citado.

JUAN ANTELO era da casa do Mariano de Mámoas (Maroñas), e coma todos os da lista electoral contaba con boas propiedades.

ANTONIO ALVITE da casa do Alvite de Alborés de Abaixo. En orixe debían pertencer tamén a esta familia os Chamiseiras do mesmo lughar. Eran descendentes laterais de Francisco González, un crego da parroquia de Corzón que alá polos primeiros anos do século XVII fundara, en Quintáns, a capela da VIRXINDÓN (Virxe da O) que, precisamente, este vindeiro 8 de setembro se celebra a súa festa. Tanto no lughar de Quintáns coma en toda a parroquia de Corzón posuían numerosos foros que lle reportaban abondosas rendas.

LUIS GARCÍA do lughar de Grille (Antes). Pertencía á casa de Torreira, unha familia que por aqueles anos debía estar aumentando fortemente a base territorial da súa explotación agraria, xa que 24 anos despois, no padrón de contribuíntes de Mazaricos de 1860, era o propietario coa cota máis alta e a bastante distancia dos inmediatos competidores.

Pode que che interese...