fbpx
Miguel Ángel López, restaurador, tenta facer un esbozo da cabeza castrexa atopada en San Cibrao de Las

Atopan outra cabeza castrexa en San Cibrao de Las

Tempo de lectura: 2 min.

O castro de San Cibrao de Las volve dar unha nova sorpresa aos arqueólogos. Ao pe dunha das vivendas que se estaban escavando nesta campaña apareceu unha escultura en granito, que representa unha cara, e que os expertos sitúan no século II antes de Cristo, é dicir, en plena época castrexa. É a terceira que se atopa neste sitio arqueolóxico.

Por iso, as hipóteses apuntan xa ao que pode ser a cabeza dun guerreiro castrexo, aínda que hai quen di que tamén pode tratarse dunha deidade. Haberá que restaurar a peza, que se atopa en moi mal estado, para poder corroboralo. Este tipo de esculturas soen aparecer nos muros das casas ou nas murallas.

A arqueóloga, Yolanda Álvarez, directora das escavacións, destacaba este achado porque “á escultura hai que engadir os restos da primeira construción dunha vivenda, da fase máis antiga da cidade, do século II antes de Cristo, e sobre a que posteriormente se construíu outra casa”.

 

A terceira escultura castrexa atopada

“É todo un acontecemento, polo pouco habitual que é achar unha expresión artística, que che achega máis á sensibilidade dos habitantes da cidade”, sinala Miguel Ángel López, director de restauración do equipo de escavadores porque é pouco habitual atopar unha escultura típica da arquitectura castrexa, anterior á ocupación romana.

“É unha escultura moi basta e pola técnica construtiva situámola no século II antes de Cristo, porque as figuras da época romana teñen unha técnica máis depurada”, indica.

En Galicia existen ao redor de 20 esculturas castrexas documentadas e no xacemento de San Cibrao de Las é a terceira que se localiza. A primeira delas foi na década dos anos 60; durante as escavacións do 2009 atopouse a que denominan “a dama de Punxín”, que se pode ver no Museo Arqueolóxico de Ourense e que ten unha réplica no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. A última, a que se acaba de atopa.

Fonte: La Región

Pode que che interese...