Recreación da Compostela do século XI na serie El final del Camino / aerocamara.es

Duras críticas á serie El Final del Camino por ocultar e “españolizar” o Reino de Galicia

“El objetivo marcado con este nuevo proyecto fue recuperar el espíritu de los matinés, de esas historias de soldados del medievo, de personajes heroicos, de piratas… pero sin perder el marco histórico de la creación del Reino de Castilla y cómo suge entre conflictos de intereses y batallas”. Era a reflexión que facía Fernando López Puig, director de cine e ficción de RTVE, durante a presentación da serie El final del Camino, coproducida pola canle pública española e Voz Audiovisual e a participación da TVG.

Sen embargo, a serie, estreada simultaneamente na TVE -en español- e na TVG -en galego-, non deixou indiferentes aos espectadores. Moitos xa se teñen declarados fans incondicionais dunha serie que recrea as aventuras e desventuras de tres irmáns durante a construción da catedral de Santiago, no século XI. Sen embargo, para outros moitos, incluído o nacionalismo galego –ou cando menos un importante sector del– a serie está chea de mentiras e erros históricos.

E esas duras críticas non son baladís e chegan de quen foi un dos grandes dirixentes do BNG, Francisco Rodríguez. O ex secretario xeral da UPG cursou Historia e Filoloxía Románica na Universidade de Madrid, doutorouse pola Universidade de Santiago en 1988 e desde 1968 é profesor de Lingua e Literatura españolas de bacharelato.

Por iso, e tras ver algúns capítulos da serie denuncia as súas “limitacións, terxiversacións, ocultacións e intencións” e denuncia que pretende vender un españolismo que non existía na época. “Hai uns cantos elementos ideolóxicos, interpretativos da historia, que vertebran o discurso narrativo da serie. Teñamos en conta que estamos no século XI. Pois ben, a idea que se intenta transmitir é que España, como realidade política, sempre existiu, ou tivo sempre vocación de existencia política, vinculada á idea de reconquista e á relixión católica”, apunta nun artigo publicado na web Terra e Tempo.

Unha visión “anulada” do Reino de Galicia

Asi, critica que non se teña en conta ao reino de Galicia e que se aluda a el “de esguello, e formando unha tríade con León e Castela, e oficialmente anulado”. Tamén o trato displicente que o monarca dá ao bispo Páez ou a caracterización dos señores galegos, “entre acovardados, fuscos e cheos de resentimento”. “Naturalmente non sabemos que outros poderes estaban soportando materialmente a despótica insolencia do rei Afonso VI. Moito menos cal era a súa lingua de oralidade coloquial. Sabemos si que o seu enlace fiábel na Galiza era un suposto señor de Andrade -sintomático nome no futuro- , inexistente na realidade histórica do século XI, disposto a morrer por defender a fidelidade a un monarca que, malia aos seus defectos morais, representaba a idea de unidade dos reinos, de construción de España”, engade Rodríguez.

Duas das personaxes de El final del Camino / RTVE

De feito, critica a falta de veracidade histórica da serie e lembra que a Historia Compostelá, unha fonte coetánea sobre o século XI-XII, non deixa lugar a dúbidas de que Compostela, coa capacidade para acuñar moeda, “é inseparábel do reino de Galiza, que a súa riqueza provén do conxunto das terras que dependen do seu señorío, que o rei Afonso VI asentaba o seu poder e a súa capacidade expansiva na nobreza eclesiástica e civil galega, que o denominado camiño era un itinerario mercantil, comercial. Que as súas fillas, Urraca e Tareixa, cos seus maridos, Raimundo e Henrique de Borgoña, respectivamente, centraron na Galiza a súa vida. E que e os seus netos, Afonso Raimúndez e Afonso Henríquez, foron educados, na Galiza lucense, e na bracarense, respectivamente, chegando un a ser coroado rei de Galiza na catedral de Santiago (a primeira descrición dunha coroación real nos reinos cristiáns está na Historia Compostelá), e outro rei de Portugal”.

Por iso, o ex dirixente do BNG carga contra o Grupo Voz, que é o propietario da productora que realizou a serie. “La Voz de Galicia, empresa beneficiaria do contrato para realizala, publicaba o domingo, día 22 de xaneiro, un suposto mapa da península no ano 1100, ilustrando a base histórica en que se fundamentaba. Neste mapa de Toledo para arriba eran reinos cristiáns sen especificar máis, con tres cidades indicadas, Compostela, León e Toledo. Porén, sinálase, no espazo oriental do que denomina reinos cristiáns, a existencia de Navarra, Aragón e os condados cataláns (sic). Para o reino de Galiza non existir, recórrese ao subterfuxio de colocar tres cidades representativas, como se as tres estiveran no mesmo espazo político e cultural, unha unidade presentida, a España preexistente”, denuncia.

E conclúe Rodríguez cunha reflexión: “Non é unha anomalía ver agora algo, naturalmente terxiversado e con intención españolísima, nunha serie televisiva, sen que haxa o contraste dunha formación básica, polo menos? Non é unha vergoña e unha desgraza termos unha escola que é máis retrógrada e contraria á nosa realidade que os seriais televisivos? Non sería necesario iniciar outro camiño?”.

Protagonistas da serie El final del Camino / CRTVE

Outras críticas

As críticas do ex líder da UPG non son as únicas realizadas á serie. Algúns historiadores españois teñen tamén criticado a súa falta de rigor histórico. Así, lembran que Dona Constanza non era infiel a Alfonso VI e que este non era un bruto ignorante. A futura reina Urraca non nacera en 1075 e o bispo Páez non é como sae na serie, “senón que foi un elemento de coidado que tentou entregar a soberanía do reino de Galicia aos ingleses”. Ou o caudillo almorávide, Yusuf Ibn Tasufin, que era un ancián cando chegou á Península, así como a visión negativa dos árabes.

De feito, nas críticas da serie realizadas en xornais como El País tamén se incide na visión dos mulsulmáns:

“El resultado es una serie digna pero que no llega a rematar. Además de algunos estereotipos clásicos (no hay árabe bueno) o carencias derivadas de los ajustados presupuestos de las series españolas (esa sensación de cartón piedra en los decorados de vez en cuando), ciertas licencias llaman la atención, como la velocidad en trasladarse desde Toledo a Compostela a caballo con un hombre moribundo o la cuestión de los acentos, con el gallego desaparecido y árabes con acento ¿francés? La duración de los capítulos de las series españolas tampoco ayuda a dar ligereza a la trama, que en ocasiones no avanza como debería”.

Con todo salienta os aspectos positivos da serie: “A su favor, unos actores eficientes en general, especialmente las dos mujeres de la historia. También se agradece la abundancia de exteriores y el esfuerzo por querer dar un plus a la factura visual de la producción, algo en lo que, en general, las series españolas han mejorado mucho últimamente”.

Coincide nas críticas o xornal eldiario que apunta que “a nivel visual, TVE vuelve a demostrar que la herencia de ‘Isabel’ que ya alargó en ‘Carlos, Rey Emperador’ sigue dando buenos frutos, aunque las anunciadas recreaciones digitales dejan demasiado clara su naturaleza, y unos pocos decorados chirrían por su brillo de cartón piedra. En cualquier caso, el esfuerzo por los exteriores y escenarios naturales hacen que este aspecto se convierta en uno de los más fuertes de la ficción”.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: