fbpx
Pintura que representa o martirio dos 26 franciscanos e conversos xaponeses en Nagasaki, en 1597 / ofmaval.org

Francisco Blanco, o mártir galego crucificado en Xapón por espallar o Cristianismo

Tempo de lectura: 5 min.

O final do século XVI e comezos do XVII foron tempos convulsos. A recén creada monarquía española era dona de medio mundo coñecido e no outro medio eran as ordes relixiosas as que tentaba apousentar o selo de Deus. E eran estas ordes, principalmente, franciscanos, dominicos e xesuítas, os que con máis insistencia se lanzaron á evanxelización de novos territorios.

Un deses terreos ignotos, pero moi gostosos para a relixión católica era Xapón, entón un imperio pechado e medieval, pouco dado ao contacto cos estranxeiros. E alí marcharon a mediados do século XVI, primeiro os xesuítas, e despois os franciscanos e dominicos, a tentar converter ás súas xentes.

Imaxe de San Francisco Blanco, na súa parroquia natal, Tameirón, na Gudiña / preguntasantoral.es

Estes días tivo lugar a estrea da película “Silencio”, de Martin Scorsese. Unha película ambientada no século XVII, que trata sobre dous sacerdotes xesuítas que sofren violencia e persecución cando viaxan a Xapón para localizar ao seu mentor, un xesuíta que acudira á illa a propagar o cristianismo. A cinta está baseada nunha novela do mesmo nome escrita por Shusaku Endo (un católico xaponés) no ano 1966, que, ademais, está baseada en feitos reais.

O filme relata o sufrimento dos eclesiásticos que tentaron espallar a súa fe nunha cultura moi fechada, pero tamén os dilemas que tiveron eses frades para evitar a morte e a execución dos seus fieis. Un deses relixiosos, a diferencia do protagonista da película, morreu martirizado en Xapón. Foi o ourensán Francisco Blanco, o “gallego de Monterrei”, hoxe elevado ao santoral e cuxos restos son venerados no Barco e na Gudiña.

 

Home de familia modesta

Precisamente, na Gudiña, en Tameirón, naceu este frade en 1570 nunha familia de labregos que traballaba para o conde de Monterrei. Precisamente, foi este conde quen decidiu axudar á familia para que o Francisco estudara no seminario que os xesuítas tiñan nesa localidade. Pouco despois trasladaríase a Salamanca a estudar teoloxía e, alí, en contacto cos franciscanos, comezaría, definitivamente, a súa vida relixiosa como membro desta orde.

A pesar da súa fráxil saúde, Francisco tiña clara a súa vocación misioneira e, logo dun período de tempo en Pontevedra, decidiu embarcarse cara a América. Alí estivo predicando en México e de alí deu o salto a Manila, nas Filipinas, as terras máis lonxanas do imperio español. Pero había outro lugar aínda máis ignoto e no que se precisaba a labor dos misioneiros, Xapón. E cara alí foi o frade ourensán. Era xuño de 1593 e o catolicismo comezaba xa a asentarse nese país.

Foi 44 anos antes, en 1549, cando San Francisco Javier, Cosme de Torres (sacerdote xesuíta), e o pai Juan Fernández chegaron a Kagoshima desde España e comezaron a súa actividade predicadora, que logo seguiron tamén xesuítas portugueses. En medio século esta relixión espallouse rapidamente, chegando a ter máis de 200.000 fieis, especialmente, no sur do país.

Durante os primeiros anos da misión xesuíta en Xapón, esta contou co respaldo dos nobres locais, que viu nos relixiosos estranxeiros unha forma de socavar o poder das seitas budistas e facilitar as relacións comerciais con España e Portugal. Esta actitude tolerante cara aos misioneiros da Compañía de Xesús concluíu cara a 1587 co primeiro edicto de prohibición do cristianismo en Xapón e expulsión dos misioneiros xesuítas.

Pintura xaponesa do século XVII representando o martirio de cristiáns e misioneiros en Nagasaki en 1597

O martirio

Este edicto foi o primeiro paso dunha longa represión que tivo o seu momento álxido coa condena á morte de vinte e seis cristiáns, o coñecido como o martirio dos 26. Eran catro misioneiros europeos franciscanos, entre eles Francisco Blanco, un franciscano novohispano (San Felipe de Jesús), un indio (San Gonzalo García), tres xesuítas xaponeses e dezasete laicos xaponeses, incluídos tres nenos. Os individuos foron alzados en cruces e lanceados ante a multitude no monte Nishizaka, ás aforas de Nagasaki. Era o 5 de febreiro de 1597.

San Francisco Branco, o galego de Monterrei, como o coñecían, morreu xunto ao seu compañeiro franciscano, de Donostia, San Martiño da Ascensión, con quen compartiu viaxe, misión e oracións. O ourensán tamén compartiu con el os últimos cantos cando eran martirizados.

“Os portugueses, españois e os cristiáns xaponeses que contemplaban a escena, non puideron conterse e, rompendo o cordón de soldados, correron cara ás cruces. Empapaban en sangue anacos de pano, recollían a terra para eles santificada, levaban pedazos dos hábitos e kimonos dos mártires”, recolle a historia do Museo dos 26 Mártires en Nagasaki. Segundo relatos doutros relixiosos presentes, os seus corpos estiveron incorruptos durante meses e o seu sangue fresco no chan. Un ano despois do martirio, recolléronse os restos das vítimas e as súas cruces.

Nos anos posteriores a persecución continuou esporadicamente, explotando outra vez entre 1613 e 1637, tempo durante o cal o catolicismo estivo oficialmente prohibido. A Igrexa católica en Xapón permaneceu sen clero, pero manténdose viva nalgunhas zonas ata o século XIX, até a chegada dos misioneiros do Oeste. Eran os Kakure Kirishitans, que mantiveron un cristianismo sincrético durante dous séculos e medio pasando as prácticas de pais a fillos.

Cráneo de San Francisco Mártir, venerado en Outarelo, O Barco de Valdeorras / preguntasantoral.es

Os restos santos de San Francisco Blanco

Dos 26 mártires, 23 foron beatificados en setembro de 1627, e os tres xesuítas en 1629. Todos eles foron canonizados en 1862. Moitas das reliquias que se recolleron no monte Nishizaka son hoxe veneradas en todo o mundo. De feito, o cránio e os ósos dun dedo de San Francisco Blanco– atópanse en Galicia.

O cranio chegou até a capela de Outarelo, no Barco, a través de Andrés de Prada, fai catro séculos, que era secretario de Felipe III. A Auténtica da reliquia, o documento que acredita a súa autenticidade, atopábase no pasado na biblioteca de Pazo do Castro. O estado de conservación da reliquia é “excelente”, segundo o párroco, de tal forma que non foi necesario levar a cabo ningunha medida de restauración nos últimos anos.

Tamén en Tameirón, a terra natal do santo, garda outra reliquia, un óso do dedo pequeno, que se venera de forma similar. As dúas reliquias de San Francisco Branco desprazan até ambas as comarcas a moitos devotos. A súa festa grande é o 5 de febreiro, o día que foi martirizado.

As miragres

San Francisco é avogoso contra as dores de cabeza e a tolemia. Sendo neno viña un día do monte cun carro de estrume e o carro envorcou. O pai que ía canda el rifoulle e despois foi buscar axuda pero cando regresou na compaña duns veciños, o carro xa estaba dereito e coa carga posta no seu sitio. Disque foron anxos os que atenderon os rogos do neno e fixeron o milagre.

Sendo xa adulto e indo de viaxe cara o Xapón, Francisco Blanco pasou por Verín e fixo unha profecía en castelán:

—¡Cordero, este lobo te comerá!

Profecía que se interpretou como, pois o frade miraba en fite o río, que Verín desaparecería por asolagamento baixo as augas do Támega.
Biografía:

– Fernández, A., “Orensanos ilustres”, Ourense, 1916.

– Fr.J.de Jesús. “Relaciónd el glorioso martirio de seis grailes descalzos”, 1925

– Gil, C., “Santos Gallegos”, Editorial Porto, S.A., Santiago de Compostela, 1976

– Placer, G., “San Francisco Blanco”, Editorial Logos, 1931.

– Sicardo, J. , “Cristiandad del Japón”, Madrid, 1698.
Fontes: Propia, Galiciaencantada, Wikipedia

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...