Mapa Lidar do novo castro atopado en Baralla / Xabier Moure

Seguen descubríndose novos castros no concello de Baralla

Un novo castro foi descuberto o pasado 8 de xaneiro en Baralla grazas ao traballo do Colectivo Patrimonio dos Ancares. O sitio arquelóxico aínda non está inventariado e está situado nun outeiro a 508 metros de altitude, no lugar coñecido como A Carballeira, entre a estrada LU-P-0503 que vai dende a capital municipal á parroquia de Aranza, o río Neira e o rego de Abredo.

É de forma ovalada e ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo norleste-suroeste e 75 metros no eixo noroeste-sureste. Estaba defendido en todo o seu perímetro polo forte desnivel do terreo, con dous aterrazamentos, agás polo noreste, a parte máis vulnerable, por onde tería a entrada, que estaba protexido por un profundo foxo. Dentro do recinto, na parte noroeste, obsérvase unha pequena croa duns 30 por 40 metros arrodeada por unha pequena muralla de terra e pedras e o foxo citado máis arriba.

Na actualidade, a maior parte do castro utilízase para pasto. Na croa, cuberta pola maleza, hai carballos plantados. Ao longo dos anos sufriu diversas alteracións. Polo medio do castro fixeron un camiño que o atravesa case na súa totalidade, e outro camiño bordéao polas caras norte e oeste; este último alterou de forma significativa as defensas.

Castro de Carballeira, un novo sitio arqueolóxico atopado en Baralla / Xabier Moure

Moi afectado por tarefas agrícolas

Polo suroeste sufriu unha importante transformación cando habilitaron esta parte para os labores agrícolas. O foxo tamén foi utilizado en época moderna para a extracción de pedra. Na parte norte vese unha casa de pedra en ruínas e cuberta na actualidade pola maleza. O castro tamén está atravesado por unha liña de media tensión.

Mantiña unha boa comunicación visual cos castros de Pousada e Ferreiros. É o terceiro castro localizado por este colectivo no Concello de Baralla. Os outros dous, un na parroquia de Vale e outro na de Recesende, xa foron visitados e catalogados polos técnicos de Patrimonio. Tamén este achado foi comunicado ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Baralla.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: