fbpx
Unha máquina pesada --desbrozadora de cadeas-- arrasou unha das mámoas de Mougá, en Doniños, Ferrol / Xabier Moure
Unha máquina pesada --desbrozadora de cadeas-- arrasou unha das mámoas de Mougá, en Doniños, Ferrol / Xabier Moure

Maquinaria pesada arrasa un túmulo funerario de entre 2.500 e 5.000 anos en Ferrol

Tempo de lectura: 2 min.

Os activistas patrimoniais Luis S. Seoane e Xabier Moure acaban de presentar no Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña e no Concello de Ferrol unha denuncia tras unha nova agresión a unha mámoa de Mougá, na parroquia de Doniños, en Ferrol. A terceira de grandes dimensións que se produce na mesma zona.

A agresión tivo lugar hai poucos días ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos con maquinaria pesada, concretamente, unha desbrozadora de cadeas. Unha agresión que afectou gravemente á masa tumular. A necrópole megalítica de Mougá está formada por máis de 20 enterramentos que teñen unha antigüidade que vai do 5000 ao 2500 antes de Cristo.

Unha máquina pesada –desbrozadora de cadeas– arrasou unha das mámoas de Mougá, en Doniños, Ferrol / Xabier Moure

Mámoas de Mougá

No mes de febreiro de 2015 xa se presentou unha denuncia pola agresión a outra mámoa en Mougá. Daquela, desde o Concello, puxéranse en contacto cos propietarios para que non realizasen máis plantacións sobre estes bens patrimoniais (catalogados) ao que fixeron oídos xordos xa que ao pouco tempo plantaron máis eucaliptos sobre o túmulo. Un ano despois, en abril de 2016, informouse dun novo atentado a dúas mámoas desta necrópole pola mesma causa.

Na parroquia de Doniños hai catalogadas unhas 40 mámoas, máis da metade das existentes no concello de Ferrol. Todas están catalogadas polo que gozan de protección legal a través da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do mes de maio de 2016. Para calquera tipo de actuación sobre os túmulos, e nas súas inmediacións, hai que solicitar o correspondente permiso á Dirección Xeral do Patrimonio.

Segundo o artigo 3 da citada Lei, os concellos teñen a obriga de protexer estes bens do patrimonio cultural, e deben adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares para salvagardalas, así como comunicar á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano que sufran.

Pode que che interese...