O dictador Francisco Franco nun cadro

Aproban retirar as placas franquistas de vivendas sociais de Ourense sen o voto do PP

O Concello de Ourense retirará as placas franquistas das vivendas de protección oficial da cidade. Pero será sen o apoio do Partido Popular. Así o decidiu este venres o pleno deste concello cos 16 votos a favor de Democracia Ourensá (DO), PSdeG e Ourense en Común (OUeC) e a abstención do PP.

Todos os portavoces municipais coincidiron en que se trata dunha “obrigación” do Concello, por mor da Lei de Memoria Histórica, pero non se puxeron de acordo en como facelo. Por parte da oposición instouse a unha retirada inmediata, mentres que o PP presentou unha emenda que reclama “informes técnicos e xurídicos” previos e “solicitar a opinión pública” antes de proceder á retirada destes símbolos.

A concelleira Belén Iglesias explicou que a súa formación aposta por este sistema coa intención de “evitar conflitos” como os que sinalou producíronse noutras localidades españolas. En concreto referiuse a a cidade vasca de Vitoria, “onde se quixeron retirar 163 placas e finalmente quitáronse 61”.

Ante a negativa do resto de grupos o PP abstívose na votación final, aínda que reiterou a súa “censura” a “calquera tipo de réxime totalitario, ás denuncias e crimes da Guerra Civil por ambos os bandos e os que tiveron lugar durante o Franquismo”.

Placas franquistas en vivendas sociais / Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica

Os “rodeos” do PP

A portavoz de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, xustificou a negativa a aceptar calquera emenda por considerar que “é dar un rodeo” e supón “non dicir de fronte que non se queren símbolos fascistas nas rúas”. Mentres, o portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, apoiou a proposta a pesar de cualificala como “absurda” ao considerar que “é o que di a propia Lei e o que habería que facer é mandar un requirimento ao alcalde para que a cumpra”.

O socialista José María García Tejerina criticou a “tardanza” á hora de retirar os símbolos fascistas das cidades españolas a pesar da Lei de Memoria Histórica, das sentenzas do Tribunal Supremo e dos informes do Consello de Europa que “piden a España unha reparación ás vítimas”. “En Ourense nestes momentos quedan poucos vestixios pero é necesario retirar os que aínda quedan, como as placas do Ministerio de Vivenda nas casas de protección oficial”, defendeu.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: