Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, considerado o cenobio máis antigo de Galicia, do século VI / Galipedia

A Xunta limitará ás visitas a San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia

A Xunta non quere que o que considera como o “mosteiro máis antigo de Galicia”, o de San Pedro de Rocas, en Esgos ( Ourense) se masifique, tal e como aconteceu coa praia das Catedrais, en Lugo. Por iso, comezará a controlar os accesos a este monumento.

Durante unha visita do presidente da Xunta a este mosteiro, Feijóo asegurou que, tras a intervención realizada o pasado ano no conxunto de frescos, a Xunta iniciará o traballo para protexer a sala que alberga as valiosas pinturas murais e tamén racionalizará as visitas ao monumento.

Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos / Galipedia

Feijóo referíase ás pinturas da capela da parte esquerda do monumento, onde se cre que estaba o sepulcro do cabaleiro Gemodus. Estes frescos están datados entre 1175 e 1200 e amosan imaxes dos apóstolos e un mapamundi. Na nave da dereita hai dous sepulcros que as lendas asignan a Gondamáriz e Oveco Seixas, mortos en combate contra Bermudo II.

Igrexa escavada na rocha

O mosteiro de San Pedro de Rocas destaca por ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escavada na rocha viva. A súa orixe remóntase ao século VI, do que dá testemuña unha lápida do ano 573 cunha inscrición na que figuran os nomes dalgúns dos monxes fundadores.

Logo das invasións musulmanas ficou abandonado ata finais do século IX, cando un cabaleiro chamado Gemondus descobre este lugar durante unha xornada de caza cando perseguía un xabaril e se retira para facer vida de oración e penitencia.

Posteriormente será moi favorecido por Afonso III o Magno, que dota a este cenobio de grandes doazóns. Sufriu varios incendios, o primeiro no século XI sendo o seu abade Aloito, outro no ano 1641, que destruíu o edificio conventual, que deu lugar na súa reconstrución ao actual e o último, que produciu o seu abandono, a principios do século XX.

O templo e igrexa é románica, arranxada en época do XVII, pero mantendo estructura e paredes, ademais da parte rupestre prerrománica. Entre este e a fachada da igrexa románica hai varios sepulcros antropomorfos escavados no chan, onde se supón que se atopaba o claustro monacal e o camposanto.Da igrexa só quedan as paredes.

Un comentario enviado ao portal apunta que “a protección patrimonial foi unha salvaxada, rachándose a lousa fundacional en exposicións as que foi cedida. As supostas pinturas murais son moi excasas e perigan mais estando expostas no cenobio a humidade que nun museo”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: