fbpx
Detalles da desfeita en San Pedro de Rocas / foto Jorge López Quiroga

A desfeita en San Pedro de Rocas chega a The Times mentres denuncian con novas imaxes a intervención

Tempo de lectura: 3 min.

“Unha ‘intervención agresiva, salvaxe e totalmente prohibida’ no mosteiro de San Pedro de Rocas, que se remonta ó 573 d.C., nun apresurado intento de obter o patrimonio da Unesco para a zona”. Así recolle o The Times a desfeita denunciada no histórico mosteiro despois de que a Xunta intervira o lugar para a súa limpeza.

O prestixioso xornal recolle como “un dos mosteiros máis antigos da península Ibérica sufriu ‘danos irreparables’ por parte de traballadores contratados polas autoridades españolas”. Pois a intervención teríase feito “mediante mangueiras hidráulicas de alta presión para limpar o antigo xacemento”.

“O mosteiro comprende un complexo de preto de 20 celas ermitáns ó redor dunha igrexa medieval e presenta un mapamundi do século XII”, recolle. Dende o medio lembran tamén que San Pedro de Rocas “é a peza central da solicitude da rexión para gañar o Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra, nunha zona famosa polo seu río, gargantas, lugares santos e viño”.

Detalles da desfeita en San Pedro de Rocas / foto Jorge López Quiroga b

Especialistas de dúas universidades de Madrid denuncian o acontecido

“Sen danos? Fixérono técnicos especialistas?. Polo que vemos están moi orgullosos e satisfeitos dos danos causados ​​no mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas. É unha brigada o que consideran que é un ‘equipo técnico experimentado’ na restauración de pedra? É adecuado o persoal para realizar intervencións arqueolóxicas?”.

Estas son as reflexións dos dous técnicos especialistas das universidades Complutense e Autónoma de Madrid que levan anos investigando o excepcional monumento. Natalia Figueiras e Jorge López, os dous investigadores, explicaron tamén nas súas redes sociais a situación, ó fío dunha nova de La Voz de Galicia na que se recolle a xustificación da Xunta. Aportaron tamén abundante documentación fotográfica.

Os dous especialistas falan de eliminación de estruturas arqueolóxicas, de desprendementos e impactos múltiples, e dunha intervención “sen sondaxes nin metodoloxía científica”. Tamén que se cubriu a “acción con terra máis tarde, para ocultar os graves sucesos e danos”, que se arrincou a vexetación con chorro de auga e que a intervención tería sido feita “sen proxecto científico e con métodos absolutamente prohibidos no campo da conservación”.

Mosteiro rupestre de San Pedro de Rocas / foto Jose Luis Cernadas Iglesias CCBy Wikimedia

“San Pedro de Rocas non é unha pedra calquera do monte”

Tamén denuncian a destrución da pátina, da perda da estabilidade físico-química, dos desprendementos da pedra, da “erosión e rabuñaduras” ou apertura de fendas. Segundo eles a pedra tería sufrido unha redución de máis dun milímetro, co que se demostra que a limpeza nos se fixo con cepillos senón con chorro de auga a presión.

Nas fotos, feitas tras a intervención, na primeira semana de xuño, pode verse con claridade as patoloxías da pedra. Trataríase da parede da fachada lateral do arcosolio, toda ela tallada a man e con elementos tan importantes como o baixorrelevo dun home con toga, entre outros elementos como unha tumba antropomorfa ou as pegadas do que outrora foi a cela dun monxe.

“San Pedro de Rocas non é unha pedra calquera do monte, é unha gran escultura labrada polo menos desde a Idade do Bronce. Como vemos que ‘presumen’ deste tipo de actuacións, quizais deberían suxerir este método ‘novidoso’ para a intervención do Pórtico da Gloria”, sinalan os expertos nas súas redes.

 

“Intacta por centos de anos foi destruída nunha semana”

Tamén así se recollía en The Times. “A pedra de do mosteiro permaneceu intacta por centos de anos e xusto nunha semana foi destruída”. “Cando contei iso a outros restauradores eles romperon chorar, todos queríamos que a Ribeira Sacra gañara a declaración da Unesco pero esta intervención é xusto o oposto a como se debe conservar un lugar” afirmaba outro especialista ó medio.

Porén no xornal británico de dous séculos e medio de historia recollen tamén as declaracións da Xunta de Galicia. “É totalmente falso que se empregaran técnicas agresivas que causaran danos irreversibles”. “Os traballadores foron coidadosos por mor da visita en outubro dos oficiais da Unesco. Eles puideron ver o coidadoso traballo dos últimos meses”.

Igrexa rupestre de San Pedro de Rocas na que se produciron os danos / foto Txo CCBy Wikimedia

Pode que che interese...