Unha nova campaña no Castelo de Santigoso, un dos grandes enigmas da prehistoria galega
O Concello da Mezquita desenvolverá unha nova intervención arqueolóxica no Castelo Pequeno de Santigoso. A intervención, que estará subvencionada integramente pola Deputación de Ourense, conta cun orzamento de 18.077,70 euros. Trátase dun castro da Idade do Ferro de 12 ha, cunha morfoloxía e localización moi singular. A intervención súmase á desenvolvida no ano 2017 e será realizada de novo pola empresa A Citania Arqueoloxía S.L.
Santigoso destaca por ser un recinto fortificado que se atopa a 1.300 metros de altura, en territorio de fronteira, no confín da actual Galicia. Un castro que conta con outros restos ó seu redor e que constitúe un verdadeiro misterio, podendo ser de feito un lugar de conexión entre Galicia, a Meseta e Portugal, tal e como contamos nas nosas Rutas de Historia.
Tal e como recolle a empresa trátase do “castro máis alto e visible de toda a contorna. O seu dominio visual é amplísimo a curta, media e longa distancia, controlando non só as chairas e vales da Mezquita senón tamén a comarca das Frieiras dende a Gudiña, parte das terras portuguesas de Tras os Montes e as zamoranas de Lubián e Hermisende”.
Nas últimas escavacións avaliáronse un total de 25,59 m² repartidos en 3 sondaxes arqueolóxicas. Unha en dirección Leste-Oeste para intentar coñecer os elementos defensivos do castro, un parapeto formado por acumulación de terras e que se supoñía como terceira muralla, así como o primeiro foxo e o inicio da muralla. Escavouse tamén un área de 32 m² sobre a muralla leste facéndose unha pequena posta en valor.