fbpx
Trolebuses en carballo / foto Concello de Carballo colección de Xan Fraga

Así foi a liña de trolebuses A Coruña-Carballo, a primeira de España e a segunda máis longa de Europa

Tempo de lectura: 2 min.

O 15 de marzo de 1971 circularon por última vez os trolebuses A Coruña-Carballo. A estrada que une estas dúas localidades foi a primeira que se electrificou en España, e a liña de trolebuses, cos seus 34 quilómetros de lonxitude, chegou a ser a máis longa de todo o Estado e a segunda de Europa occidental.

A liña de trolebuses entre Carballo e A Coruña fora inaugurada o 23 de febreiro de 1950. Foi a iniciativa de Enrique Sánchez Rodríguez, quen xa no ano 1940 solicitaba permiso para a instalación desta primeira liña de bus electrificada de España. Tres anos máis tarde dábaselle a concesión formando a Compañía de Trolebuses Coruña-Carballo S. A, dirixida por Pedro Barrié, e que precisaría outros seis anos de obras para chegar a funcionar.

Nos seus inicios os chamados “troles”, autobuses eléctricos alimentados por unha catenaria, que xa podían atoparse noutros países como Reino Unido ou Italia, foron vehículos da marca Man procedente de Alemaña. Porén, na década de 1960, foron substituídos por icónicos “buses” de dous andares procedentes de Reino Unido.

Unha exposición tras medio século da súa desaparición

Coincidindo co 50o aniversario da súa desaparición a Asociación Cultural Lumieira e o Concello de Carballo queren recuperar a memoria e a historia deste medio de transporte pioneiro. Foi grazas a unha exposición ó aire libre que será inaugurada o vindeiro venres na praza do Concello e que está documentada polo historiador Xan Fraga.

Diferentes trolebuses e tranvías / foto marcart CC0

A exposición recolle parte do material recompilado durante décadas por Fraga, autor de varios libros sobre o trolebús e o tranvía e gran coñecedor da historia deste medios de locomoción. A súa historia estará a disposición de toda a veciñanza ao longo do mes de xuño.

A mostra, realizada integramente en Carballo, inclúe dez expositores de catro caras cada un, con información escrita e fotografías, principalmente. Tamén outro tipo de material recuperado dos trolebuses, como nóminas ou billetes, elementos que gardan a memoria dun transporte que foi decisivo no desenvolvemento dos concellos polos que pasaba.

Trolebuses en carballo / foto Concello de Carballo colección de Xan Fraga

 

Pode que che interese...