Un castro na Pontenova que estivo rodeado por carballos, afectado agora por unha talla de eucaliptos
Novamente unha talla de eucaliptos volve afectar un monumento arqueolóxico e, outra vez, na Mariña. ADEGA e Mariña Patrimonio xa presentaron a pertinente denuncia perante o Servizo de Patrimonio polos posibles danos ocasionados por labores forestais no castro de O Patelo (protexido baixo as coordenadas GA27048002), ubicado en Santo Estevo de Rececende, concello de A Pontenova (Lugo).
Ambas asociacións cren que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e mailas remocións de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron afectar este ben patrimonial.
A talla fíxose a pesar de que este sitio arqueolóxico está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio e figura nas normas subsidiarias do concello de A Pontenova, o que o converte nun ben patrimonial protexido.
Bosque autóctono
O castro de O Patelo estaba cuberto por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal, por unha plantación de eucaliptos.
“Por outro lado, ADEGA e Mariña Patrimonio sabemos que o Servizo de Patrimonio facilitoulle a Medio Rural información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona norte da provincia de Lugo, mais trece dos vinte e tres xacementos que a Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as coordenadas, polo tanto non están localizados pola administración o que conleva a súa desprotección”, critica.
Por iso, indican que esta ausencia de coordenadas é “unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade” por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que, insisten, “cómpre atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto”.