fbpx
Concentración de SOS Ourense para pedir a paralización do proxecto que ameaza o mosteiro San Pedro de Rocas, en Ourense / Remitida

O mosteiro máis antigo de Galicia en perigo polo asfalto

Tempo de lectura: < 1 min.

A Plataforma Cidadá Sos Ourense, composta por máis de 70 colectivos da provincia, vén de facer público o seu “absoluto rexeitamento” ao polémico proxecto de estrada no entorno de San Pedro de Rocas, o mosteiro máis antigo de Galicia e situado na localidade de Esgos. Así se expresa logo de que Deputación de Ourense non poña freo á súa decisión de agrandar unha vía para que poidan acceder grandes autocares ata o edificio histórico, a pesar do seu alto grao de protección.

“As administracións están a permitir que esta infamia siga o seu curso no canto de protexer o patrimonio, a riqueza medioambiental e paisaxística ante o espolio”, falan con contundencia nunha nota de prensa. A Plataforma pregúntase se este proxecto non estaba freado pola Xustiza – o xuízo comeza o 10 de marzo – e denuncia que a tala de árbores está prevista para ser “executada inmediatamente”. “A Deputación de Ourense xa ten a madeira de ditas árbores vendida. Os máis de 100 árbores teñen tan só, se ninguén o remedia, días de vida”, alertan.

Este proxecto, que segundo indica a plataforma foi “denegado en dúas ocasións por parte de Patrimonio da Xunta pola súa ilegalidade”, implica danos “irreversibles” sobre o entorno do mosteiro. “Máis de cen árbores de diferentes especies serán arroiadas, 5000 m2 de espazo natural e medioambiental protexido serán destruídos, verase directamente afectado o leito hidrográfico definitorio da paisaxe do mosteiro, voarán 5.000 m2 de chan arqueolóxico, dinamitarán chan xeolóxico protexido, demolerán muros históricos do antigo mosteiro e destruirán o trazado do camiño histórico medieval e a súa topografía”, enumeran no comunicado remitido aos medios. Máis información en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...