fbpx
Pazo de lourizán / foto juantiagues CCBy Wikimedia

Unha petición en Change.org para salvar o Pazo de Lourizán, un dos máis espectaculares de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

“Un edificio único, de estilo modernista, singular na provincia e con xardíns románticos dignos de admirar”. Este é o motivo polo que unha petición na plataforma Change.org pide a recuperación do Pazo de Lourizán e dos seus excepcionais xardíns. A petición, iniciada vai agora unha semana, leva recadadas xa máis de 3.000 sinaturas.

A solicitude, tal e como se afirma, vai dirixida ás administracións públicas, encargadas por lei da salvagarda do patrimonio, “para que remedien este deterioro e o salven, e que así as xeracións futuras poidan seguir gozando del e continúe a ser orgullo da cidade da provincia”. Así, a petición está dirixida en concreto á Deputación  de  Pontevedra  e á  Xunta.

Invernadoiro no xardín do pazo / foto juantiagues CCBy Wikimedia

E é que, segundo di a petición, “a historia da parcela remóntase a máis de 500 anos, aínda que o edificio actual é do século XIX. É, tanto o edificio como os xardíns, unhas auténticas xoias arquitectónicas e botánicas”. Trátase dunha casa señorial situada no lugar de Herbalonga da parroquia de Santo André de Lourizán do concello de Pontevedra.

No século XV foi habilitado como “granxa” e desta época conserva o pombal ameado de planta circular. No século XIX pertenceu a Buenaventura Marcó del Pont, despois de que llo mercase aos herdeiros de Francisco Genaro Ángel, irmán da súa muller. Converteuse en casa residencial e lugar de veraneo, cando residiu nela Eugenio Montero Ríos. Máis tarde pasaría a Deputación de Pontevedra.

“Na actualidade atópase en completo abandono. Cada día máis estragado”, como se afirma na petición. “Como non se lle poña remedio urxente, chegará o momento en que a ruína absoluta sexa inevitable e perderemos un auténtico tesouro do que calquera cidade estaría orgullosa de ter no seu patrimonio”. A petición pode asinarse neste link.

Detalle dos xardíns do pazo / foto juantiagues CCBy Wikimedia

Pode que che interese...