fbpx
Detalle do cartaz sobre a Ribeira Sacra da Asociación / foto O Sorriso de Daniel

Dura crítica de O Sorriso de Daniel á Xunta tras a retirada da candidatura da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 5 min.

Anunciábase no día de onte. A Xunta non presentaría a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial neste verán de 2021, tal e como lle correspondería. A Xunta retiraba a proposta para poder presentala, segundo eles, dun xeito máis efectivo no futuro. O motivo, unha primeira avaliación negativa do Comité da Unesco que demostraría as grandes deficiencias da candidatura galega.

A nova deu lugar a unha enorme sorpresa e tamén unha gran indignación para moitos. Colectivos, profesionais, particulares e en xeral a poboación dunha zona de Galicia que tiña as súas esperanzas na declaración víronse especialmente defraudados coa nova. Unhas esperanzas postas nun futuro de progreso para a zona, con valores de cultura e convivencia co medio e en alianza cun turismo sostible, agardaban o recoñecemento da UNESCO.

O Sorriso de Daniel: “o fracaso será colectivo aínda que teña nomes e apelidos”

Un dos colectivos que máis claramente se pronunciou sobre o tema foi a asociación O Sorriso de Daniel, asociación de expertos medievalistas, investigadores e divulgadores, que leva anos traballando para defender a nosa arte medieval. Dende O Sorriso de Daniel, lamentaron a retirada e quixeron compartir cos medios varias reflexións sobre os feitos, pois “débenos facer reflexionar sobre como se xestou a candidatura”, afirman.

Ribeira Sacra / foto locuigCC0

Dende o colectivo afírmase que “a Ribeira Sacra é un territorio con valores abondo para ser considerada Patrimonio da Humanidade”; que o feito de que a “avaliación non fora positiva é unha moi mala nova”; que “a Consellería de Cultura, impulsora da candidatura debería facer unha profunda autocrítica para saber cales foron as razóns para chegar a esta situación”, e que “O Sorriso de Daniel a partir de maña mesmo volveremos a estar traballando para conseguila”.

Dende a asociación amósanse no texto moi críticos coa candidatura, e co goberno galego, co seu desenvolvemento, os seus fallos e a súa retirada. “O fracaso será colectivo aínda que teña nomes e apelidos”, afirmaban. Segundo eles, é “un traballo ó noso ver incompleto e falto de rigor que merecía o maior dos esforzos e que sen embargo se tramitou como un expediente máis”.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil / ribeirasacra.com

“Nunca houbo escoita activa”

Apuntan a que un mes antes de presentalo existiran discrepancias no informe; que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas; que non foron admitidas a consideración a maioría das alegacións na declaración de BIC e que nunca houbo escoita activa por parte da Consellería. Pregúntanse tamén ata que punto non interferiu nesta decisión de retirar a candidatura o feito de que coincidise en tempo coa dos Museos madrileños de El Prado, Reina Sofia e Thyssen Bornemisza.

En todo caso dende a asociación afírmase que “por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España debe marcarse unha data de reinicio de traballos cun horizonte próximo para saber en que momento se volvera a presentar”. Dende O Sorriso agardan “que se poidan remediar os erros manifestos que houbo na súa tramitación” e que volverán a traballar “para conseguir que esta candidatura saia adiante”.

Ribeira Sacra / foto danirodriguezfotografiaCC0


Reflexións de O Sorriso de Daniel sobre a retirada da candidatura:

Ante a retirada –esperamos que provisional- da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade o Sorriso de Daniel quere facer unha serie de reflexións e compartilas con todos:

PRIMEIRA: A Ribeira Sacra é un territorio con valores abondos para ser considerada Patrimonio da Humanidade. O patrimonio erguido nela ao longo de moitos séculos, o traballo dos seus habitantes na construción dos socalcos e no cultivo do viño e unha paisaxe privilexiada son merecedores desta acreditación por parte da UNESCO. Que dados os seus valores merece unha implicación TOTAL de todas as administracións e da cidadanía en xeral para conseguir que a Candidatura chegue a bo porto, que ten suficientes valores e que se non sabemos poñelos en valor o fracaso será colectivo aínda que teña nomes e apelidos.

SEGUNDA: que a nova dada polo embaixador permanente ante a UNESCO Juan Andrés Perello de que a primeira avaliación do órgano avaliador non foi positiva é unha moi mala nova que nos debe facer reflexionar sobre como se xestou a candidatura e como se levou adiante a mesma. Un traballo ao noso ver incompleto e falto de rigor que merecía o maior dos esforzos e que sen embargo se tramitou como un expediente mais sen prestarlle a importancia que merecía.

TERCEIRA: Que se chegase ao mes de xuño (un mes antes da súa avaliación) con discrepancias no informe visibiliza que as axendas de tramitación non estaban ben marcadas e que a Consellería de Cultura, impulsora da candidatura debería facer unha profunda autocrítica para saber cales foron as razóns para chegar a esta situación e quen son os responsables últimos.

CUARTO: Que por parte da Xunta de Galicia e do Goberno de España debe marcarse unha data de reinicio de traballos cun horizonte próximo para saber en que momento se volvera a presentar.

QUINTO: que O SORRISO DE DANIEL participou activamente con numerosas actividades na visibilización desta candidatura, que aportou mais de 60 alegacións a declaración BIC que non foron tidas en conta e que estivemos sempre a disposición da Consellería para colaborar, que non podemos menos que manifestar de novo que unha das debilidades da candidatura era a falta de visibilización da implicación cidadanía. A Consellería virou as costas as organizacións que traballabamos nese territorio e demostrouse que as poucas convocatorias que tivemos reducíronse a unha mera campaña de maquillaxe na que non houbo nunca escoita activa por parte da Consellería e que isto foi en detrimento da Candidatura.

SEXTO: Que o goberno de España (e a Xunta de Galicia se é que son sabedores tamén) debería aclarar ata que punto non interferiu nesta decisión de retirar a candidatura o feito de que coincidise en tempo coa dos Museos madrileños de El Prado, Reina Sofia e Thyssen Bornemisza e que a retirada da Ribeira Sacra lle deixa o camiño mais despexado para estoutra candidatura.

SÉPTIMA E ULTIMA: Que no SORRISO DE DANIEL a partir de maña mesmo volveremos a estar traballando para conseguir que esta candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade saia adiante e que agardamos que se poidan remediar os erros manifestos que houbo na súa tramitación.

O Sorriso de Daniel

Patrimonio Románico

www.osorrisodedaniel.org

Detalle da Ribeira Sacra / foto HdG

 

 

 

 

Pode que che interese...