Nova vida para o claustro da catedral de Lugo, no que se atoparon restos romanos e unha necrópole
Danos derivados do paso do tempo e factores ambientais. Ese é o estado no que a día de hoxe se atopa o claustro da catedral de Lugo e é o motivo polo que o goberno galego investirá, segundo anunciou o pasado mércores o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, 650.000€ para poñer en valor e garantir a correcta conservación desta parte da catedral lucense.
O Conselleiro anunciaba o pasado mércores nunha visita á catedral no que estivo acompañado do bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco. O investimento enmárcase dentro do Plan Catedrais no que traballa o goberno galego para actuar nos templos catedralicios da Comunidade no período 2021-2027 de cara ós vindeiros Xacobeos.
A intervención estará centrada en resolver as patoloxías que afectan ao claustro e se licitará nas primeiras semanas de xuño. “Trátase dunha actuación que estamos a piques de licitar e que contará cun prazo de execución de seis meses, polo que estará lista no ano 2022”, explicou o Conselleiro.
Para o desenvolvemento dos traballos, leváronse a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas nesta zona co fin de avaliar o seu sistema construtivo e potencialidade. Concretamente, realizáronse tres sondaxes que sacaron á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas que van desde a época romana ata actualidade. Nos traballos documentáronse varios muros e unha necrópole de tumbas rectangulares e laxas de lousa.
Adamais esta primeira intervención, que se porá en marcha en Lugo ó abeiro do futuro Plan Catedrais coincidirá no tempo cun importante fito histórico. Trátase da celebración do 90 aniversario da declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional da Catedral de Lugo, que se conmemorou o pasado xoves día 3.