fbpx
Mobiliazación por outro modelo eólico en Santiago de Compostela / foto LB Torres, colectivo Como Eliminar os Eucaliptos de Galicia

Galicia esixe nas rúas outro modelo eólico que respecte o patrimonio cultural e o medio ambiente

Tempo de lectura: 3 min.

Na mañá do día deste 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, unha marcha multitudinaria percorreu unha vez máis as rúas de Santiago de Compostela. A marcha reclamaba novo modelo eólico para Galicia e a paralización dos proxectos que actualmente se atopan en tramitación.

Baixo o lema ‘Eólica Así non!’, máis de 20 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sindicatos, grupos políticos e asociacións sociais, culturais e ambientais de Galicia encheron as rúas de Santiago de Compostela para pedir un modelo eólico diferente. Que non nos rouben os nosos recursos’, foi unha das consignas da manifestación.

A marcha, que saíu ás 12 horas da Alameda, percorreu as rúas do Ensanche compostelán e do seu centro histórico con lemas como “que non nos rouben os recursos” ou “o capital bótanos do rural”. A marcha concluíu na praza do Obradoiro onde as entidades convocantes leron un manifesto.

Parques eólicos ó redor do val de Traba. en laranxa os parques sobre os Penedos de Traba / foto Asociación Ambiental Contramínate

Un modelo depredador?

A marcha non foi en contra da enerxía eólica, tan necesaria para afrontar a emerxencia climática, senón que nela se pediu un modelo diferente que non se basee na depredación do medio. Advertiuse do “impacto sobre o territorio” do actual modelo, tal e como apuntaba Roi Cuba, da Asociación Ecoloxista Adega, con preto de 200 proxectos por todo o territorio galego en “zonas de gran valor”.

Un modelo que afectará ó patrimonio histórico, á hidroloxía, os ecosistemas, a flora e á fauna, en especial ás aves. Un modelo con xeradores que en moitos casos chegarán a sobrepasar os 200 metros de altura e que terá unha pegada ecolóxica como ata o de agora non se vira no noso territorio.

Un modelo que, tal e como afirmaba Cuba, está baseado na chamada Lei de depredación, e que afectará gravemente á Rede Natura 2000 e a súa ampliación, que a Xunta debería ter tramitado vai xa tempo.

Para os convocantes, o modelo debería partir, porén, do máis estrito respecto ó medio natural, histórico e tamén de participación das sociedades que viven no rural, revertendo os beneficios neles e non só os perxuízos. Un modelo no que “se avalíen as necesidades de enerxía” de cada lugar, e que tenda a se producir alí onde se vai a consumir.

Un enorme impacto na paisaxe, no turismo e no patrimonio cultural

Mais o actual modelo non só afecta á diversidade natural tal e como denunciaban na marcha, senón tamén ó patrimonio cultural, á paisaxe é o futuro dun sector da cultura e do turismo, tal e como vimos recollendo ó longo do tempo no noso medio.

Un exemplo disto é o da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba e que deu lugar a unha gran mobilización na Costa da Morte. Estas implantacións eólicas non só deron lugar ó rexeitamento de colectivos ambientais e de asociacións culturais senón que viron a oposición frontal da Asociación de Hostaleiros da Costa da Morte que viron neste proxecto unha ameaza directa ó futuro do sector.

Mobiliazación por outro modelo eólico en Santiago de Compostela / foto LB Torres, colectivo Como Eliminar os Eucaliptos de Galicia

Máis non é un caso illado. Ó longo de toda Galicia son incontables os lugares patrimoniais, etnográficos e paisaxísticos afectados polos novos proxectos de instalación eólicos. Mais tamén polas súas infraestruturas, como novos tendidos eléctricos, apertura de camiños e subestacións. Nunha longuísima nómina veranse afectados, castros, mámoas, petróglifos, xacementos romanos, restos medievais ou patrimonio etnográfico.

Tamén a estrutura territorial ligada a cada lugar, na que os proxectos eólicos fan tabula rasa. O patrimonio inmaterial e paisaxístico que non se atopa na actualidade recollido en ningún informe ambiental, tal e como denunciaba Petón do Lobo. Elementos como a torre de Teodomiro, Castro Valente, o lugar chave para entender a nosa historia, Penaquetanxe ou o Castro Lupario, asociado á lenda da raíña Lupa, son só algúns dos exemplos afectados.

Proxecto eólico de Mouriños / GC

 

Pode que che interese...