fbpx
As Torres Hejduk, na Cidade da Cultura / xunta.gal

Feijóo enterrará literalmente o proxecto orixinal da Cidade da Cultura ideado por Fraga

Tempo de lectura: 6 min.

Van camiño xa de 20 anos do momento no que a un grupo de políticos da Xunta se lles ocorre a idea de facer unha Cidade da Cultura para Galicia no monte Gaiás, co obxectivo, seguramente, de diversificar territorialmente o saturado casco histórico de Santiago de Compostela e de tratar de evitar o gran problema de aquel momento: os visitantes dun só día, é dicir, sen pernoitación. Se turistas e peregrinos chegaban, visitaban a catedral e o casco histórico e marchaban sen facer máis gasto, cumpría desenvolver novas iconas para a cidade e diversificar a oferta turística. Por aquel momento o efecto Guggenheim estaba en pleno apoxeo e os dirixentes de cada Comunidade Autónoma se lanzaron á construción de cadansúa cidade cultural: a Laboral, A Cidade das Artes e das Ciencias, o Matadero o MUSAC… O goberno do PPdG, con maioría absoluta por terceira lexislatura precisaba de novas iconas, e a vida política de Manuel Fraga Iribarne, estaba claro, apuntaba ó seu fin.

É aí onde comeza a historia, xa ben coñecida, da Cidade da Cultura, cando a Xunta de Galicia, no ano 1999, convoca un concurso de proxectos para a construción dun gran complexo cultural no cumio dun dos montes que cercan a capital. Dese concurso de proxectos sairía gañadora a obra do americano Peter Eisenman, obviando o xurado as desviacións orzamentarias que a súa pretensión formal habería xerar, tal e como avisaban numerosos arquitectos. No 2001 comezase a construción, e cinco anos despois, cuns 300 millóns de euros gastados, e unha desviación orzamentaria que apuntaba triplicar os custos da adxudicación, o proxecto só contaba con catro edificios ás portas de se rematar. O obxectivo da Xunta, coa Consellería de Cultura agora nas mans da nacionalista Ánxela Bugallo, era reformular o proxecto antes de continuar a súa construción, e minimizar o impacto económico tratando de que o complexo non se convertera nun enorme contedor baleiro. Para isto tomouse a decisión de paralizar o proxecto. Dez anos despois daquela paralización, tanto o oco para os alicerces do Centro de Arte Internacional, coma a estrutura irrematada do Teatro da Música, seguen practicamente do mesmo xeito que os deixara a nacionalista.

Maqueta do Teatro da Música na Cidade da Cultura

E é que Peter Eisenman e máis os técnicos da Xunta idearon un proxecto formado en inicio por seis macroedificios con funcións de Museo, Centro de Arte Internacional, Arquivo, Biblioteca, Teatro da Música e edificio administrativo, xunto cun gran túnel de conexión, as Torres de Hejduk e máis os aparcadoiros. Coa volta do PPdG ó goberno, déronselle novas funcións ós edificios xa construídos, Centro de Emprendemento, Centro de Innovación Cultural, Biblioteca e Arquivo e Museo de Galicia, avanzouse na urbanización do complexo e se foron completando de mellor ou peor forma os aparcadoiros. Pero as fendas dos alicerces dos dous edificios inexistentes continuaron a constituír o corazón mesmo dun proxecto que xa se convertera nunha caricatura de si mesmo.

Porque, ademais dunha ruína económica o proxecto cultural do monte Gaiás foi un dos principais bochornos mediáticos da administración galega. Se ben a denuncia pública dos sobrecustos da Cidade da Cultura partiron do xornal La Voz de Galicia e a súa importante campaña para parar o proxecto, este macroconxunto fíxose famoso, ademais, pola súa aparición nun programa case monográfico de La Sexta, do programa Salvados de Jordi Évole, no que se denunciaban os excesos arquitectónicos das administracións na época anterior á crise, presentándose o proxecto compostelán como o paradigma do despilfarro. Mais a proxección da Cidade da Cultura como xigante arquitectónico non só se limitou á prensa galega e española, senón que saltou en varias ocasións a un plano internacional, tanto polas continuas queixas do arquitecto Peter Eisenman a xestión do seu proxecto, incluídas as famosas “restricións orzamentarias” que aínda a día de hoxe aparecen na súa web, coma a aparición, non tan mediática, pero non menos espectacular, nun capítulo da serie documental Superestructuras, onde se afirma que Galicia é unha das rexións máis pobres de Europa que se xoga o seu futuro no proxecto.

Así, o goberno da Xunta tivo que agardar ó ano 2015, cando xa a atención dos medios estaba enfocada noutros asuntos, cunha presunta recuperación económica e con En Marea consolidada no goberno municipal, para retomar de xeito significativo as obras no complexo. Os edificios defuntos non foron tocados, senón que todos os esforzos do goberno galego se centraron nas obras de urbanización e axardinamento. O primeiro dos proxectos foi a construción dun parque infantil, o chamado Parque da Balea. Continuouse  co asfaltado e axardinado dos aparcadoiros, inaugurouse  o chamado Bosque de Galicia, un gran área arredor das antas do Gaiás, na cara que mira á cidade e o Parque da Lagoa, no entorno norte do complexo. Destas actuacións destaca sobre todo a consolidación da Lagoa artificial e a creación do chamado Xardín Literario, sobre o solar escavado que debería de ocupar o Centro de Arte Internacional, o descartado edificio máis grande do complexo. O remate da estratexia para “resucitar”, en palabras de Feijóo, a Cidade da Cultura, foi a presentación este mes de decembro do proxecto para o Xardín do Teatro ou Xardín Botánico.

O proxecto

O Teatro da Música, o segundo edificio máis alto do complexo, con 35.500 metros cadrados útiles, e que contaría con dous grandes auditorios, un deles con capacidade para 1.300 persoas e que permitiría, entre outras, a representación de grandes obras operísticas, estaba chamado a ser seguramente, xunto co Museo de Galicia, o gran reclamo do conxunto. Porén a obra non pasou dos seus alicerces, manténdose en non finito dende xa unha década atrás. Este espazo, seguindo os pasos do Centro de Arte Internacional, baixo a nova estratexia do executivo, haberá de converterse no último espazo verde do complexo. Así o anunciaron Alberto Núñez Feijóo, Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura da Xunta, e Ana Isabel Vázquez, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, o pasado 15 de decembro, nunha rolda de prensa, durante un acto no edificio do Museo.

Baixo este proxecto, o antigo solar converterase nun novo espazo verde que terá por nome o de Xardín do Teatro ou Xardín Botánico ó contar cun anfiteatro ó aire libre para 400 espectadores así como 12.000 metros cadrados de espazo axardinado, no que se plantarán 187 árbores de 30 especies de diferentes procedencias e outras 3.840 plantas máis de distintos tipos. Este espazo contará tamén con 3 estanques, ademais dun rocódromo e unha pista de skate, así como 400 metros de carreiros. O proxecto encadrarase na Segunda Fase de Urbanización da Cidade da Cultura e contará cun presuposto de arredor de 2 millóns de euros e prevese que estea rematado ó longo do ano 2019.

Proxecto para o solar do antigo Teatro da Música, Fundación Cidade da Cultura

Esta intervención supón enterrar de xeito literal o gran furado xerado polas cimentacións do Teatro da Música, e investir, de novo, unha cantidade bastante considerable de recursos públicos en derrubar e reencher un espazo xa parcialmente construído. Mais a intervención no solar orixinal do Teatro da Música non é completo, xa que segundo se observa na recreación mostrada polo goberno da Xunta no acto, e así como demostran os datos, o parque non ocupará por completo o solar, senón tan só uns dous terzos do mesmo. A estrutura xa construída correspondente coa zona sur do edificio, ou o esqueleto do mesmo que vemos hoxe en pé, non aparece nin derrubada nin tapada senón igualmente á vista, co que requirirá, de novo, dun futuro investimento. Tampouco semella que a zona axardinada cubra por completo o oco aberto pois, como se mostra na recreación, esta non irá a cota co Espazo Obradoiro. Tampouco aparecen no proxecto, nin se aclaran, os custes de reurbanizar as rúas laterais, especialmente a que descorre entre o xardín e o edificio da biblioteca, que deberá ser construída por completo.

Porén, para Feijóo, esta intervención non supón un custe engadido, pois os preto de 2 millóns de euros son fondos xa presupostados nesta segunda fase de urbanización, e, segundo el, aforrados doutros traballos. Para Feijóo con esta obra a Cidade da Cultura “resucita” a través da “reestruturación” do espazo. Ante a pregunta de se con este proxecto estase a enterrar a obra tal e como se concibira na época de Fraga, Feijóo respostaba que “A paralización definitiva dos edificios decidiuse anos atrás, coa con convicción de que nin os galegos nin os composteláns aceptarían como propia unha cidade da cultura suntuosa en época de recesión”. Para el, resucitar a Cidade da Cultura supón que fronte a unha infraestrutura “fría, inacabada e en continua tela de xuízo” estase a articular unha obra “útil, digna, na que se pode vivir, compartir e respectala”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...