fbpx
Obras no edificio da Xunta en San Caetano / Cerámicas Verea

Lavado de cara para o antigo Colexio de Xordos e Cegos, hoxe sede da Xunta

Tempo de lectura: 1 min.

Panos brancos, impostas grises, perpiaños de granito visto nos esquinais e máis de 1125 novas fiestras de madeira de castiñeiro. Este é o novo aspecto que loce o complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela, a principal sede administrativa da Xunta de Galicia. Un lavado de cara, máis que necesario, que se desenvolveu dende maio de 2018 e que se rematou exteriormente nos pasados días coa retirada das estadas.

E é que o vello edificio, o antigo Colexio de Xordos e Cegos, erguido a comezos do século XX en estilo ecléctico, fora renovado a mediados da década de 1980 polo arquitecto Manuel Gallego para complexo administrativo da Xunta. Dende aquela o histórico edificio, construído con fondos derivados na etapa na que Montero Ríos estivo en Madrid, mantiña o mesmo aspecto e contaba con importantes sinais do paso do tempo pedindo xa por unha renovación.

A obra, pensada no seu inicio como renovación enerxética, implicou o recambio das fiestras, o retellado de todos os edificios e o tratamento externo das fachadas co fin de mellorar a súa inercia térmica. Ademais interiormente colocáronse catro mil novos puntos de luz led e 657 sensores de acendido por presenza. A obra que durou máis de 10 meses, e que aínda se está a desenvolver no seu interior, precisou dun investimento de 7,2 millóns de euros por parte do goberno galego.

Esteticamente recupérase ata certo punto a estética do edificio na súa orixe. Cámbiase o branco das antigas fiestras de aluminio e o gris-marrón das fachadas a un branco inmaculado rachado polo ritmo de fiestras escuras e recercados de cores intermedias, algo moito máis semellante á estética de comezos do século XX, cando as cores exteriores dos edificios terían tons moito máis claros e luminosos que os herdados de despois da Guerra Civil.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...