Critican a situación de abandono do castelo da Rocha Forte
O BNG di que a Rocha Forte, a vella fortaleza dos arzobispos, de Santiago está chea de vexetación e denuncia o escaso interese polo coidado do patrimonio.
O grupo municipal do BNG demándalle ao grupo de Goberno de Santiago que vele polo mantemento e pola conservación da Rocha Forte, xa que presenta un descoidado estado debido ao crecemento da vexetación, tanto na zona escavada como na súa contorna, o que dificulta a visión global desta actuación arqueolóxica.
Así di que na actualidade non se presta uns mínimos coidados básicos como a roza da vexetación dun xeito periódico. “Esta despreocupación delata un escaso interese polo coidado do patrimonio e polo resultado da percepción das persoas que se achegan a coñecer este legado histórico”, denuncia.