fbpx
Sauna Castrexa do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

Que fai unha sauna castrexa de 2.000 anos e 120 m2 perdida no medio da Fonsagrada?

Tempo de lectura: 4 min.

Castros con saunas?… Semella moi raro pensar nisto, acostumados como estamos a ler, ver e escoitar que as saunas, ou máis ben termas, eran cousas dos romanos. Pois non…. Tamén os castros da Gallaecia tiñan saunas antes da chegada dos itálicos, algúns, mesmo en épocas tan anteriores como o século IV A.C. segundo teñen documentado  Fernando Rodríguez del Cueto e Ángel Villa Valdés en castros asturianos.

O que se sabe delas é aínda ben pouco, porque non se atoparon moitas, pero a que se está estudando e tentando restaurar no castro do Castañoso, ou do Castelón –e fai honor ao seu nome– na Fonsagrada, quizais poida dar un cambio á percepción que, ata o de agora, se tiña destas construcións.

Imaxe do forno da sauna castrexa do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

Que fai un unha sauna castrexa de 120 metros cadrados e 20 séculos no medio dun monte perdido da Fonsagrada? Unha pregunta á que está tentando darlle resposta Luís López, arqueólogo de Terra Arqueos, a empresa encargada de escavar o castro do Castañoso. “Hai que seguir a pista do ouro”, apunta graficamente nunha visita que Historia de Galicia realizou ao xacemento na compaña da xente de Mariña Patrimonio –colectivo que descubriu e impulsou o coñecemento deste castro–, o xornalista e divulgador Manuel Gago e o profesor de Facultade de Historia da USC, Marco García Quintela, que tamén teñen estudado e divulgado este ben noutras ocasións.

A importancia do ouro

Seguir a pista do ouro… do diñeiro. E, efectivamente, hai que seguila para entender por que os romanos chegaron á Gallaecia e por que chegaron a Castañoso, un castro case inexpugnable no alto dun meandro creado polo río Navia ao que se accede por un pequeno sendeiro, de pouco máis dun metro de largura nalgún dos seus puntos, que se coñece como a rúa dos Mouros.

Capítulo aparte merecen este fermoso camiño e os impresionantes accesos e fortificacións do castro que se atopa a pouco máis dun quilómetro dunhas grandes minas. As minas nas que, obviamente, traballaban parte dos habitantes do poboado fortificado que, aínda a pesar das súas acoutadas dimensións, non debían de ser poucos segundo as evidencias que se están achando nas últimas escavacións.

E no centro de todo ese fermoso complexo defensivo está a sauna. Esa sauna castrexa que, como nas escavadas ata o momento, ten planta rectangular, con distintas estruturas internas que foron limpadas e estudadas nas campañas iniciadas en 2015. Pero foi na segunda fase da escavación, este verán, cando saíu a luz a súa magnitude e tamén a súa maxestuosidade.

Ilustración dunha sauna castrexa / capítulo cero

Novos achados na sauna

Así, descubriuse no monumento termal unha nova sáa, como posible ámbito frío deste, engadido ás salas tépeda e cálida xa escavadas en 2015. Tamén se descubriu a contorna pavimentada e a calzada de acceso á sauna, ademais dun novo acceso en escaleira e o sistema de condución de auga escavado na rocha. Así, e como conta Luís, despois destes traballos cóntase coa configuración completa da sauna: forno, cámara quente con pía para a produción de vapor, “pedra formosa” como separación coa cámara tépeda e cámara fría, incluída unha fumeira no forno.

Estruturas da sauna do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio

López Marcos indica que aínda se descoñece como recibía auga a sauna, aínda que cre que poida ser a través dalgún tipo de canle da que xa teñen advertido algunhas estruturas. “A primeira intervención foi de urxencia para apontoar o que se mantiña en pé. Agora queremos completar a información científica, sacar datos cronolóxicos e pescudar como funcionaba a sauna”, sinala.

O experto cre que a sauna era un espazo comunitario, posiblemente destinado a rituais, cerimonias de purificación nas que se utilizaban vapores xerados a partir de auga e un foco de calor, pero avanza que serán necesarias novas campañas para coñecer a magnitude e a funcionalidade desta estrutura.

Dous anos de investigación

Desde hai dous anos, primeiro con diñeiro da Xunta de Galicia e agora co da Deputación de Lugo, estase a traballar na escavación e na reconstrución dalgúns dos elementos deste castro. O estudo dalgunha das casas mellor conservadas permite datar a última ocupación destas no século I despois de Cristo. Con todo, pénsase que puido existir algunha ocupación anterior, o que se irá confirmando con posteriores investigacións.

En setembro de 2015, realizaron unha intervención de emerxencia para evitar que a bóveda da sauna viñera abaixo, ademais dunha escavación parcial. Agora, con apoio financeiro da Deputación Provincial de Lugo, realizaron unha nova actuación para delimitar a contorna da sauna. Así mesmo continuouse a escavación e reconstrución dunha vivenda escavada superficialmente en 2015, así como de outra vivenda lindeira escavada agora na súa totalidade. Ambas as construcións amosan alturas capaces para dúas plantas nas que, segundo o arqueólogo, poderían vivir ata dúas familias por vivenda.

As dúas casas escavadas ata agora no castro de Castañoso, na Fonsgrada / Mariña Patrimonio

Vivendas indíxenas

Os materiais atopados ata agora non son abondosos (fíbula, cerámica común e de importación), relacionados todos coa época de ocupación romana, cando a actividade do castro se centraría nas minas de ouro da contorna. Non obstante a tipoloxía das vivendas demostra unha tradición construtiva indíxena, máis comprobable na sauna e a súa contorna. De todos os xeitos algúns dos restos carbonizados atopados e mesmo algún de madeira serán analizados coa técnica de C-14 para conseguir unha datación precisa.

Manuel Miranda e Manuel Gago no que quedaba da sauna castrexa en 2011, antes da escavación do castro do Castañoso / Captulo Cero

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...