fbpx
Voaduras con explosivos no entorno da Cova Eirós, en Triacastela / Petón do Lobo

Voaduras con explosivos ameazan a Cova Eirós, o principal santuario rupestre de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A pesares de que o xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo anulou o pasado 31 de xullo, a licenza que permitía a Cementos cosmos explotar a canteira próxima á Cova Eirós e que a Xunta xa iniciou o procedemento para a súa declaración como BIC, a empresa intensifica a súa actividade na área próxima ao xacemento arqueolóxico con voaduras de explosivos.

Así, e tal e como denuncia a asociación Petón do Lobo, este xoves tiveron lugar varias voaduras de explosivos para o arranque do material na área de amortecemento da cova. Deste xeito, esta entidade denuncia que o xacemento arqueolóxico, que se atopa dentro do perímetro da explotación, continúa a estar ameazado por unha actividade mineira a ceo aberto que arestora carece dunha declaración de impacto ambiental favorable e, polo tanto, dunha avaliación dos impactos da actividade sobre o mesmo.

Cementos Cosmos incumpre e desobedece así o fallo da sentenza do 31 de xullo pasado, a pesar das solicitudes de paralización cautelar da actividade mineira solicitadas por diversos colectivos (Asoc. cultural O Iribio, Verdegaia, Petón do Lobo…etc), ante a Alcaldía de Triacastela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en tanto non exista sentenza firme ao respecto.

As voaduras en Cementos Cosmos provocan danos en todo o entorno da cova Eirós / Petón do Lobo

Petición á Fiscalía

Por este motivo e ante a pasividade das administracións con responsabilidades en materia de patrimonio cultural, algunhas entidades, entre as que está Petón do Lobo, xa se dirixiron á Fiscalía de Lugo para que adopte con carácter de urxencia as medidas provisionales necesarias para a adecuada protección do xacemento arqueolóxico e a paralización da actividade ilegal da canteira.

Tamén critican a inactividade das administracións con competencias en materia de cultura e patrimonio, principalmente, da Xunta de Galicia. O artigo 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia dispón que “a incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. A continuidade da suspensión dependerá da resolución ou da caducidade do expediente incoado. A suspensión levantarase coa resolución do procedemento”.

Tamén a resolución de incoación de BIC dispón no seu anexo IV un “Réxime de protección e salvagarda provisional” do ben, establecendo literalmente que “a incoación para declarar ben de interese cultural como monumento o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no concello lucense de Triacastela, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 e 17.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE)”.

Criterios legais de protección

Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) | GEPN-AAT – IPHES

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación. Calquera intervención que se pretenda realizar nela deberá ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, segundo proxectos elaborados por técnicos competentes e segundo os criterios legais establecidos (artigos 39 a 40 LPCG).

Petón do Lobo lembra que este réxime implica:

– Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

– Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben ou no seu contorno de protección terán que ser autorizadas pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Será tamén necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica.Calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno tamén requirirá a devandita autorización previa.

– Utilización: a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellaron a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Debido á fraxilidade e pésimo estado de conservación de pinturas e gravados, o acceso á cova estará restrinxido a investigadores, especialistas e persoal de actividades relacionados coa xestión do ben que o precisen, e sempre que o estudo sexa contribuír á investigación científica da cova ou establecer as medidas que aseguren a súa preservación. Estes estudos deberán contar coa autorización de acceso da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e deberá realizarse un rexistro do número de persoas e tempo de permanencia na cova. Para facilitar a visión e coñecemento da cova ao público xeral, co fin de asegurar a súa conservación cara ao futuro, deberá explorarse a realización dunha réplica, física ou virtual, de acordo coas técnicas que permiten as novas tecnoloxías.

– No contorno de protección deberá tenderse a manter a paisaxe tradicional existente. Para isto primaranse os usos actualmente existentes (usos tradicionais agrícolas e gandeiros e bosque autóctono). Quedan prohibidos máis usos construtivos ca os existentes, así como as talas masivas de arboredo, eliminación de tocos, repoboacións forestais con especies non autóctonas e cambios de uso en solos agrarios.

Pode que che interese...