fbpx
Gravuras de ferraduras descubertas no Incio / Xabier Moure

O misterio das gravuras de ferradura descubertas no Incio e a lenda do cabalo de Santiago

Tempo de lectura: 4 min.

Recentemente o Colectivo Patrimonio dos Ancares documentou varias penas con gravuras preto do monte da Cima dos Picos, a uns 650 metros de altitude, nas inmediacións da aldea de Santa Cruz do Oural, parroquia de Vila de Mouros (O Incio). A súa localización foi posible grazas á historiadora Esther González, natural do País Vasco pero con raíces na aldea de Santa Cruz do Oural.

Trátase de catro rochas dispostas horizontalmente. Na primeira vese unha coviña illada. Na segunda unha cruz latina e dúas coviñas. Na terceira dúas coviñas, unha cruz latina e unha ferradura. E na cuarta, a de maior superficie, o panel principal, catro coviñas, dúas cruces latinas e catro ferraduras.

Este é o primeiro elemento arqueolóxico documentado na parroquia de Vila de Mouros que, a pesar do suxestivo topónimo que fai alusión aos míticos seres asociados a tantas lendas, non nos constan mámoas, petróglifos ou castros, xacementos bastante comúns noutras partes do concello.

Gravuras con ferraduras e cruces descubertas no Incio / Xabier Moure

Que significado teñen?

Non se sabe con certeza cal pode ser o significado das ferraduras que, frecuentemente, adoitan asociarse a época medieval e que a pedra onde se gravaban actuaría como marco de término. Máis esas, descoñécese dende cando este símbolo en U, identificado coa pegada dun cabalo, comezou a utilizarse para limitar territorios, se ben na propia Galicia documéntanse ferraduras en períodos anteriores. Sen ir moi lonxe, no encoro de Vilasouto, en terras do Incio, están os petróglifos do Agro do Pepe, tamén con ferraduras, cruces e coviñas e a enigmática representación antropomorfa que preside o panel do espectacular, e abandonado, conxunto (levo anos pedindo a súa protección). No municipio coñecemos outras penas con ferraduras asociadas a coviñas, como a Pedra de San Mamede, en Trascastro, e a Pena da Ferradura, no Agro de Trasmonte.

Pero polas informacións recollidas entre as persoas de máis idade, aseguraron que estas pedras non actuaban como lindeiras de nada, senón, polo que lle tiñan escoitado aos seus antergos, as ferraduras sinalaban cara un manancial que se atopa no límite exacto entre os concellos de Sarria e O Incio. Hai estudos que afirman que unha pedra con ferraduras pode indicar a presenza dunha fonte próxima, e que a pena non sería o límite, senón que remitiría ao término exacto que sería unha fonte. En efecto, a non moita distancia hai un manancial natural que atende polo evocador nome da Fonte Marcada que está no límite mesmo entre os dous municipios. Hai outros dous mananciais próximos que tamén se atopan no linde: a Fonte de Augalevada e a Fonte Mina do Oural, mais destas nada nos dixeron.

Entre as penas cos gravados e a Fonte Marcada interponse o monte, tamén de nome chamativo, da Medorra onde non localizamos ningunha mámoa, o que non quere dicir que non existira ou que aínda exista. Da Fonte Marcada só atopamos o rego por onde discorre a auga; o manancial, na actualidade, está cuberto, literalmente, por unha espesísima maleza. Ninguén lembra que a Fonte Marcada tivera algunha marca polo que cremos que o composto pode facer alusión a un marco que sería o propio manancial.

Pedras con ferradura

É certo que moitas penas con gravados de ferraduras teñen unha orixe anterior á Idade Media e que logo se reutilizaron como delimitadores territoriais, engadíndolle outros símbolos, cruces maiormente, pero, considerando o relativo pouco desgaste destes símbolos de Santa Cruz do Oural, cremos que son de orixe medieval (a uns centos de metros dos gravados aparece o topónimo o Monte do Castelo, na parroquia de San Sadurniño de Froián, xa no concello de Sarria onde, aínda que non se observan restos de ningunha fortaleza, a tradición di que había un castelo que foi destruído).

Petróglifos descubertos na aldea de Santa Cruz do Oural, parroquia de Vila de Mouros (O Incio) / Xabier Moure

A pouco máis de dous quilómetros das penas está o castro de Santa Icía que tamén fai límite entre os concellos do Incio e Sarria. Alí foi recollida unha lenda que sinala que dende a pena de Santa Cruz do Oural saltou o cabalo de Santiago ata o castro para enfrontarse cos moros (que nada teñen que ver cos nosos mouros, senón cos sarracenos); as ferraduras eran as pegadas do cabalo. A presenza dos sarracenos no concello do Incio non é nova, segundo a tradición no castro de Santa Cristina, en tempos de Afonso o Castro, viviu o rebelde Mahamud. Dende a Pedra de San Mamede, citada máis arriba, tamén conta a lenda que as gravuras en forma de ferradura foron causadas polo cabalo deste santo que dun salto foi ata a pena do Coruxo.

Tamén lle informaron ao Colectivo Patrimonio dos Ancares que nesta zona había máis penas con gravados, principalmente coviñas, que foron destruídas para a extracción de pedra para a construción de casas e muros e, sobre todo, pola explotación de magnesita onde se trituraron e se están a triturar toneladas de rochas.

Destacar que dúas ferraduras semellan modernas. Ao parecer, hai uns cincuenta ou sesenta anos os rapeces da aldea reproducíronnas na pedra, se ben é certo que se diferencian nidiamente das orixinais pola súa tosquedade. Pola importancia dos achados, xa foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que procedan á súa catalogación e llo comuniquen ao Concello do Incio para que protexa os gravados.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...