Praia da Alameda, na reserva do Mandeo / Fundación Terras do Mandeo

Retiran numerosas especies exóticas invasoras das Fragas do Mandeo, un dos grandes espazos naturais de Galicia

Voluntarios da Fundación Fragas do Mandeo acometeron entre o 7 e o 19 de xaneiro as tarefas periódicas de mantemento ecolóxico da praia da Alameda, dentro do espazo natural das Fragas do Mandeo. Un duro traballo no que foron eliminadas numerosas especies invasoras e quilos de lixo.

Así, os resultados foron a recollida de 424 quilos de residuos localizados no intermareal, nas dunas e na zona húmida adxacente. Tamén se revisou a reinfestación de especies exóticas invasoras, eliminando 23 plumachos (Cortaderia selloana) e dous focos de crocosmias (Crocosmia x crocosmiiflora). Non son as únicas especies que ameazan este espazo natural úico. Tal e como xa publicou Historia de Galicia, tamén o eucalipto comeza a ser unha ameaza.

A praia da Alameda é o areal con maior valor ecolóxico de todo o espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, integrado na Rede Natura 2000. No ano 2011 o seu sistema dunar estaba inzado por centos de plumachos (Cortaderia selloana), entre outras especies exóticas invasoras, e o lixo imperaba tanto na praia como na zona húmida. Por ese motivo Fragas do Mandeo iniciou daquela unha campaña de conservación que continúa na actualidade, na que os seus voluntarios teñen erradicado 9 especies exóticas e recollido periodicamente o lixo, sumando centos de quilos.

Camiño na Fraga do Mandeo / Íñigo Mouzo

Diversidade de residuos

Entre os residuos retirados destacan por peso os restos de aparellos da actividade pesqueira e marisqueira (redes, cordas de bateas, cabos, nasas e sedelas). Segundo lembran desde a entidade Fragas do Mandeo, esta clase de residuos é especialmente perigosa para as aves, tartarugas e mamíferos mariños, pois poden enredarse neles e afogar.

A actividade pesqueira tamén abandona no mar gran cantidade de poliespán, que se fragmenta facilmente en numerosas pezas de diminuto tamaño que son confundidas con alimento polos animais. Tamén supoñen un gran impacto as toalliñas hixiénicas e tampouco faltaron as latas de bebidas, os cachos de vidro, as bolsas de plástico, os palillos das piruletas, compresas, cabichas, calzado e canto obxecto poida imaxinarse. Como refugallos máis perigosos atopáronse dúas grandes baterías enterradas na area.

Un mar de residuos

Cada marea trae novos restos, especialmente cando son intensas e o mar está axitado. Fragas do Mandeo ten calculado que á praia da Alameda chega en cada marea uns 25 kg de lixo. “Xa que logo, a limpeza da costa debe ser unha acción continuada ó longo do ano”, apunta.

Segundo o informe realizado no 2016 pola Fundación Ellen MacArthur (The New Plastics Economy. Rethinking the Future of Plastics), de continuar o ritmo actual, no ano 2050 o peso de tódolos plásticos presentes no mar superará o peso de tódolos seus peixes. “Aínda que existen concentracións elevadas de plásticos nos cinco xiros oceánicos que forman as grandes correntes mariñas (as denominadas “illas de lixo”), en realidade a máxima concentración de lixo atópase na costa, onde é máis fácil e eficiente a súa retirada”, lembra.

A fraga do Mandeo, unha das mellor conservadas de Galicia / Íñigo Mouzo

Por iso, Fragas do Mandeo anima á cidadanía a que participe directamente na recollida de plásticos e outros refugallos das praias, ben individualmente cando as visita, ou ben organizadamente como voluntario ambiental. Basta con poñerse en contacto connosco a través do correo electrónico [email protected] ou do teléfono 981 105
903.

Respectar a fauna e a flora

Fragas do Mandeo abstívose de retirar da praia os restos orgánicos naturais (algas, paus, pólas e troncos), pois forman parte do ciclo de nutrientes da praia e sosteñen a numerosos invertebrados que forman parte da cadea trófica. Entre eles atópase na Alameda o escaravello das praias (Eurynebria complanata), un coleóptero nocturno en franca regresión que depreda pequenos crustáceos que a súa vez aliméntanse da materia orgánica que abandona a marea.

No 2014 Fragas do Mandeo localizou un exemplar dun arbusto descoñecido na bisbarra. Identificado por botánicos da Universidade da Coruña, resultou ser Dorycnium rectum, coñecido en castelán como emborrachacabras. De distribución eminentemente mediterránea, a praia da Alameda é a única localización coñecida na provincia de A Co-
ruña, polo que no seu día enviamos unha poliña á Universidade de Santiago e agora forma parte da colección do Herbario SANT. Nestas datas puidemos comprobar que se
atopa en bo estado e incluso se ten reproducido, contando actualmente con 14 exemplares.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: