fbpx
Disfraz / RitaECC0

Cal é a orixe dos choqueiros da Coruña?

Tempo de lectura: 4 min.

“Unha festa espontánea, popular e tradicional, da que se debe recoñecer e poñer en valor o seu pasado”. Así definía José Manuel Sande, Concelleiro de Cultura da Coruña, o entroido coruñés na presentación, o pasado día 12 de febreiro no Pazo de María Pita, do libro Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés, do historiador herculino Xosé Alfeirán. Unha publicación que, segundo o Concello, ten como finalidade recuperar a tradición popular do entroido local e afondar na necesaria exploración da memoria da cidade.

O texto, que inclúe material gráfico da época, procedente do Arquivo Municipal, adentrase no carnaval da Coruña ata o ano 1882. Segundo explicaba o autor, partiuse tanto de experiencias “contadas polos seus e as súas protagonistas, en moitos casos, xornalistas da época que, despois de participar nos desfiles e bailes,” deixan constancia por escrito, así como dos expedientes municipais vencellados ás celebracións, “para facilitalas ou prohibilas”. O libro, que se distribuirá ás bibliotecas e centros cívicos da cidade, pódese descargar dende a páxina web municipal.

 

Sande e Alfeirán na presentación do libro / Concello da Coruña

O Apropósito coruñés

De feito é o segundo ano consecutivo que o Concello da Coruña edita un libro en relación a historia destas festas, xa que o pasado 2017, por estas datas, xa publicara o libro O Apropósito coruñés. Unha ollada dende dentro, do tamén historiador Antón de Santiago. Daquela o obxectivo era facer un percorrido pola historia do Apropósito, como celebración iniciada en 1850 no histórico Círculo de Artesanos da cidade, cando se recolleu o espírito satírico do carnaval rural e se instalou na urbe cunha ampla dose de retranca e crítica social.

O Apropósito é unha celebración que implica rir, mofarse, ridiculizar, criticar e satirizar a autoridade, civil ou relixiosa, con licencias que so se permiten no entroido. Foi unha función burlesca, teatral, desenvolvida dende a segunda metade do século XIX, e representada no Circulo de Artesanos, e no que se criticaba a actuación dos responsables do goberno local e máis do clero da cidade. Co tempo, e a popularidade desta representación, a xente da cidade levou esta modalidade ás rúas converténdose, sobre todo nas décadas de 1920 e 1930, nun dos referentes do carnaval da Coruña. Os tradicionais disfraces de monxa ou de bispo, de alcalde ou de político, teñen as súas raíces neste tipo de representacións europeas, que se volveron especialmente populares es na Coruña deses anos.

Os Choqueiros

Cativo disfrazado de Batman / SchoolPRProCC0

Chamábanse choqueiros porque nalgún momentos da súa historia, do mesmo xeito que nas vilas e aldeas, levarían tamén, atadas á cintura, chocas. Mais os choqueiros na tradición urbana actual da cidade son aqueles disfraces feitos, como xa contamos noutro artigo, coa primeira vestimenta que se apareza nas mans. Non son por tanto disfraces moi elaborados, nin traxes con ornamentais máscaras, os choqueiros son simplemente uns personaxes do entroido que apelan á improvisación e as facetas da festa máis liberadoras. Vestidos con roupas vellas ou cun mono de traballo os choqueiros da Coruña reúnense na Rúa da Torre e máis no Campo de Marte para a singular celebración destes días.

Mais non foi así nos seus inicios. Segundo recolle no seu libro Alfeirán “polas noticias que temos, os iniciais choqueiros coruñeses irían disfrazados con galdrapos, roupas vellas ou sabas emporcalladas, enfeluxarían a cara de negro coa parruma ou levaríana cuberta cunha careta de filloa, é dicir, elaborada con auga e fariña, ou cunha pel de coello ou de lebre chea de buracos. Ademais empuñarían unha vara, ou unha vasoira formada por un pau cun feixe de ramas no seu extremo, que empregaban para golpear ou molestar aos veciños”. Mais, “nada sabemos de certo sobre primitivos choqueiros coruñeses”.

Entroidos ou choqueiros / SergemonamiCC0

“Xa dende 1208, momento no que a vila de Crunia recibe os seus foros do rei Afonso de León e Galicia, os seus habitantes, tanto os que residían nela como os que vivían nas aldeas da periferia, celebraron o carnaval. Seguramente moitos dos seus rituais serían semellantes aos do resto das vilas e aldeas galegas e é moi probable que permanecesen sen grandes modificacións ata o século XIX“. Mais, como afirmaba o historiador na presentación, a festa no municipio da Coruña foise “readaptándose con cada nova xeración”. “Cada 25 ou 30 anos, froito dunha nova xeración e da evolución histórica e socio-económica da cidade, o Entroido presenta numerosos cambios, aínda que mantén compoñentes comúns que perviven até o día de hoxe”.

Así, Alfeirán recolle, en tres grandes etapas, entroido primitivo, carnaval enchoupado e carnaval civilizado, e, a través de textos de documentos estudados dun xeito rigoroso, diversas figuras que mudarán ó longo do tempo. Tradicións como o lanzamento de augas residuais, ovos e laranxas, os bailes de máscaras, o enterro do entroido, a figura do Momo, os Apropósitos ou o “contrapunto”, son elementos estudados e dados a coñecer nesta obra. “A medida que pasa o tempo, o Carnaval coruñés vai avanzando e socioloxicamente a súa estrutura social diversifícase”.

Vista da Coruña / SondebueuCC0

Para Alfeirán este libro é unha oportunidade “para rescatar do esquecemento, as crónicas dunha tradición cultural e festiva como é o entroido coruñés”. Xosé Alfeirán explicou ademais que o libro “abre o camiño a unha natural continuidade desta publicación”. E é que como di, os entroidos coruñeses, deben ser “en plural porque a festa é caprichosa e cambiante. Esa é a realidade que amosan as historias e relatos escritos, ó longo de décadas, por aqueles que a viviron e viven” .”Cando coinciden eses elementos máis populares cos da institución, fóra das prohibicións ou limitacións, o Entroido na Coruña é apoteósico”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...